Cartel_EncontrosNaturalistas_setembro2016

Dende Hábitat celebramos a chegada da tempada dos cogomelos cunha nova xornada dos nosos Encontros Naturalistas. Nesta ocasión, contaremos coa compañía de Saúl de la Peña Lastra, investigador do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela e autor de diversas publicacións, entre elas a recentemente publicada “Guía micológica de la Isla de Cortegada“, que virá a presentarnos de primeira man. Nesta publicación condénsanse 13 anos de traballo dun grupo de investigadores, ao tempo que se pon de manifesto a riqueza micolóxica desta Illa con datos tan relevantes como:

  • Máis de 800 especies identificadas.
  • Descritas novas especies para a ciencia, descoñecidas ata agora.
  • A Illa de Cortegada revélase como o espazo natural máis salientable a nivel micolóxico de toda Europa.

Trátase da guía micolóxica co maior número de exemplares das publicadas en Galicia, froito dun traballo incesante no que siguen avanzando hoxe día.

Así mesmo, e para completar a xornada, previa presentación do libro poñeremos en marcha un breve obradoiro de identificación daqueles exemplares que os propios asistentes queiran traer, e no que Saúl axudará na determinación das especies. Para axilizar esta actividade, prégase que cada persoa achegue os fungos nunha bolsa ou similar (en cantidade moderada), vindo necesariamente acompañada dunha ficha identificativa en papel de 10×5 cm, na que cada interesado deberá anotar os seguintes datos:

  • Nome e apelidos do recolector/es.
  • Data/s de recollida.
  • Localización do/s punto/s de recollida: áreas e localidades exactas ou coordenadas de referencia.
  • Comentarios sobre o hábitat da zona de recolección.

*RECOMENDACIÓN: recoller os cogomelos nos 4 días anteriores á xornada. Conservalos nunha bandeixa ou “barca” de papel de aluminio na neveira, xunto ás etiquetas cos datos de recolección. Ao sacalos da neveira cómpre hidratalos cun esprai con auga ou situar unha esponxa con auga xunto ao cogomelo, para evitar que se deshidrate.

A xornada é de balde e aberta ao público. Así todo, é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario elaborado:

Acceso ao formulario de inscrición

As prazas son limitadas. Os socios do G.N.Hábitat terán preferencia para a participación na xornada. En calquera caso, seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. No caso de non poder acudir, infórmanos da túa situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Anímate e ven connosco!

Dúbidas e comentarios no 981 135 014 ou en inscricion@gnhabitat.org