nuevo-presentacion-de-microsoft-powerpoint

O G.N.Hábitat, preocupado de xeito especial pola proliferación nos últimos anos do eucalipto en Galicia, e logo da análise da información contida na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG), con código 1839/2016 (expediente 2016AAE1933) e promovido pola Consellería de Medio Rural e do Mar, detéctanse omisións e deficiencias en relación á política deste xénero –Eucalyptus-, que lastran a creación da figura de monte multiprodutivo, e óbvianse outras oportunidades de desenvolvemento forestal ligadas ao incentivo de masas caducifolias autóctonas, incluso de crecemento rápido. Polo tanto, vimos de presentar perante a Dirección Xeral de Ordenación e Producción Forestal (Consellería de Medio Rural. Xunta de Galicia) e a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Consellería de Medio Ambiente. Xunta de Galicia), as seguintes

ALEGACIÓNS:

No texto do PFG non se menciona que nas últimas décadas rexistrouse unha grande expansión do eucalipto en Galicia, a comunidade con maior superficie de eucaliptais do estado. No primeiro Inventario Forestal Nacional (IFN I) de 1972/73, o eucalipto estaba presente nun total de 131.181 ha. Para o segundo (IFN III), realizado en Galicia nos anos 1997 e 1998, o eucalipto estendérase xa por 396.344 ha, o 28% da superficie arborada galega. En vista dos datos provisionais dispoñibles, a finais de 2015 a superficie de eucaliptais en Galicia podería achegarse ás 500.000 ha.

Tamén se omite que parte destas 500.000 ha está ocupada por eucaliptos fóra de plantación, isto é, asilvestrados ou ventureiros, que medran moitas veces despois de incendios como acontece con outras especies pirófilas.

No PFG non se menciona que as plantacións de eucaliptos en Galicia supoñen máis da metade (52%) das existentes no Estado e, só por especie, na Península Ibérica localízase o 53% da superficie mundial de eucalipto branco (Eucalyptus globulus), máis que en toda Australia, de onde é orixinario. Asemade, nos últimos tempos unha nova especie de eucalipto, o eucalipto brillante (Eucalyptus nitens), veu engadirse ás plantacións, chegando a espazos antes vetados para o E. globulus, dada a súa maior resistencia ao frío.

No texto óbviase que E.nitens é unha especie exótica e invasora, perigosa para o mantemento da biodiversidade e a funcionalidade dos nosos ecosistemas, en virtude da sentenza 00274/2014 da Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional. Incluso E.globulus tamén é considerado invasor no Atlas de las Plantas Alóctonas Invasoras en España, publicado en 2004 pola Dirección General para la Biodiversidad.

No texto da revisión non queda claro que aumento imparábel do eucalipto estea relacionado co abandono agrario e co declive do medio rural galego, xerándose así un caldo de cultivo para o negocio pasteiro. Efectivamente, a falla dun modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo, fai que o destino de montes e terras agrarias sexa o monocultivo, nomeadamente de eucalipto, substituíndo ás frondosas autóctonas. Isto acontece perante a pasividade, cando non complicidade da Administración, permisiva ata agora co incumprimento das normas e que, coa presente revisión do PFG, semella fortalecer as plantacións de E. globulus, consolidar o E. nitens, promover a biomasa e estender os cultivos enerxéticos en detrimento de hábitats naturais.

No PFG non se blinda a protección das masas autóctonas caducifolias, nin se garante a súa conectividade.

En vista do texto da devantida revisión, existe unha ameaza real de forestación forzosa das zonas de herbeiras e matogueira (incluso aquelas que poidan estar dentro da Directiva 92/43CEE), hábitats de interese para multitude de especies, algunhas delas (por exemplo Circus cyaneus e Circus pygargus) consideradas ameazadas en Galicia segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007 do 19 de abril).

No seo da revisión do PFG non existe unha verdadeira intención de crear un monte multiprodutivo, cun aproveitamento de produtos do monte -cogomelos, bagas, gandeiría extensiva- e unha industria forestal diversa. Esta podería ter un piar nas madeiras nobres, outro en especies para elaborar taboleiros e outro nas especies autóctonas de crecemento rápido (bidueiro, freixo, amieiro) para papel. Os eucaliptos, tanto Eucalyptus globulus como Eucalyptus nitens, deberían ter un papel marxinal no monte galego, polo seu impacto negativo nos acuíferos, na calidade do solo e na biodiversidade e abundancia de fauna e flora nativa.

E polo tanto, o Grupo Naturalista Hábitat

SOLICITA

En liñas xerais, e como obxectivo primordial do PFG, débese garantir o non aumento da área ocupada polo xénero Eucalyptus en Galicia, para o cal se suxiren 4 grandes accións:
1. O cumprimento da actual lexislación (Lei de Montes, Lei de Costas, Lei de Conservación da Natureza, etc.) que limita a plantación con especies do xénero Eucalyptus en parcelas con masas de frondosas autóctonas, terreos agrícolas, ríos, costas, hábitats de interese… Deberíase garantir que nas parcelas que xa conteñan plantacións de eucaliptos e estean afectadas polas limitacións das devanditas leis impedir se adiquen de novo ao cultivo do eucalpito despois da corta.

2. A prohibición de novas plantacións e repoboacións con especies do xénero Eucalyptus nos espazos pertencentes á Rede Galega de Espazos Protexidos (RGEP), así como naquelas áreas con presenza de hábitats e especies incluídas na Directiva 92/43CEE. De novo, deberíase garantir que nas parcelas que xa conteñan plantacións de eucaliptos, que estean dentro da RGEP e que inclúan ou incluíran hábitats e especies da devandita directiva, non se volvan dedicar ao cultivo do eucalipto logo da corta.

3. A eliminación inmediata de eucaliptos ventureiros ou asilvestrados fóra de plantación, en virtude do artigo 52.2 da Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e do Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras, a teor da Disposición adicional segunda.

4. A catalogación formal do Eucalyptus nitens como unha especie exótica e invasora, perigosa para o mantemento da biodiversidade e a funcionalidade dos nosos ecosistemas, en virtude da sentenza 00274/2014 da Sección Primeira da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional. Xa que logo, prohibir o seu cultivo en todo o territorio galego e poñer en marcha un plano de control e erradicación naquelas áreas nas que xa estea presente.

Ademais, é urxente a aprobación de medidas para protexer os nosos bosques autóctonos a través de axudas directas á promoción de alternativas ao eucalipto, co impulso aos aproveitamentos multifuncionais e sustentábeis, baseados:

  • Nas madeiras nobres.
  • Nas especies autóctonas con interese para fabricación de taboleiros de madeira.
  • Nas especies autóctonas de crecemento rápido (bidueiro, freixo, amieiro) para papel, seleccionadas e cunha nova tecnoloxía e industria pasteira vencellada a estas especies.
  • No papel marxinal do eucalipto.
  • Noutros aproveitamentos do monte (fungos, bagas, gandería extensiva).

Por último, dbe existir unha garantía de protección fronte a plantacións forestais de herbeiras e matogueiras de interese para a fauna e flora, en virtude da Directiva 92/43CEE.

En A Coruña, 28 de setembro de 2016.