Este domingo conmemoraremos o Día Mundial do Medio Ambiente cunha xornada moi especial, dedicada ás raíñas da noite: as nosas benqueridas rapinas nocturnas. Teremos ocasión de coñecer polo miúdo a mouchos, bufos, avelaionas e curuxas, especies todas elas enigmáticas, cheas de tantas lendas como de espectaculares adaptacións, resultado da súa vida vencellada á noite e á escuridade. Así mesmo, aproveitaremos para dar a coñecer novamente o Proxecto Noucho e o seu percorrido, iniciativa do Grupo Naturalista Hábitat que pretende, entre outros obxectivos, afondar no estudo, a posta en valor e a conservación deste grupo de aves.

E para falarnos de todo isto, contaremos con: 

  • Atocha Ramos: bióloga e doutoranda da Universidade da Coruña (Departamento de Química Analítica), onde investiga sobre a interacción das aves mariñas coa contaminación.
  • Cosme D. Romay: biólogo e alumno de doutoramento no programa de Bioloxía Celular e Molecular da Universidade da Coruña, co proxecto de tese “Taxonomía, bioxeografía e conservación das aves de Galicia“. Autor de varios libros e de decenas de artigos sobre aves, domina o campo da ornitoloxía no seu conxunto.
  • Manuel Cernadas: informático de profesión e avezado naturalista, os seus coñecementos veñen sendo clave na optimización dos procesos e técnicas desenvolvidas polo G.N.Hábitat nas súas actividades e proxectos. Hoxe día é Secretario da entidade.
  • Santiago Vázquez: ornitólogo experimentado e apaixoado das rapinas nocturnas, traballa dende fai tempo na compilación de información sobre estas aves no territorio galego. Hoxe día ocupa o cargo de Vicepresidente do G.N.Hábitat.

Poderás atopar máis información sobre o Proxecto Noucho no seguinte apartado da nosa web: 

Proxecto Noucho

 

A emisión desta conferencia será en directo, o domingo 7 de xuño ás 20:30h. Se estás interesado en participar como público poderás conectar libremente a través das nosas canles Facebook ou YouTube, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada as intervencións un moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas, léndoas en directo aos relatores.

Podes seguirnos na nosa canle de Youtube:

E tamén:

Directo na nosa páxina de Facebook

 

 

Agardámote!