plantilla_cartelencontrosnaturalistas

O vindeiro sábado 8 de outubro, de 10a 14h, ven connosco e Achégate ás aves!

Dende o G.N.Hábitat queremos conmemorar o Día Mundial das Aves nunha xornada máis dos nosos Encontros Naturalistas. Así, nesta ocasión desenvolveremos dúas accións dirixidas á Iniciación á Ornitoloxía, para todo aquel que se queira achegar e aprender sobre este fermoso grupo faunístico.

Comezaremos a xornada ás 10h, momento no cal dará comezo un taller no noso local social no que os asistentes aprenderán as técnicas, materiais e demais recursos e consellos prácticos para o goce e estudo das aves. Rematado o taller, continuaremos a xornada cun roteiro ornitolóxico guiado, achegándonos ata a contorna da Torre de Hécules e aproveitando o noso percorrer para aprender a recoñecer as diferentes especies de aves que nos acompañan na cidade, as súas particularidades e a súa relevancia como parte da riqueza e diversidade biolóxica asociada á nosa contorna.

A xornada é de balde e aberta ao público (os menores de idade deberán vir acompañados dun adulto). Así e todo, é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario:

Acceso ao formulario de inscrición

As prazas son limitadas. Os socios do G.N.Hábitat terán preferencia para a participación na xornada. En calquera caso, seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.

Todos os participantes contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil. A organización porá a disposición todo o persoal e material necesario (guías de aves, prismáticos, telescopios e demais recursos) para o correcto desenvolvemento da xornada.

Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. No caso de non poder acudir, infórmanos da túa situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.

Anímate e ven connosco!

Dúbidas e comentarios no 981 135 014 ou en inscricion@gnhabitat.org

Notificación: a xornada conta, a priori, co financiamento por parte do Concello da Coruña. Pendente de resolución de subvencións públicas.