Continuamos Falando de natureza dende os nosos fogares. Desta volta, da man dos compañeiros da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), achegarémonos á vida segreda dos cetáceos para afondar no coñecemento deste enigmático grupo de seres vivos. Que especies acubillan as nosas augas? Cales son as súas principais ameazas? Que iniciativas existen para contribuir á protección da biodiversidade mariña? Responderemos a estas e moitas outras cuestións grazas ás intervencións de:
- Paula Méndez: Bióloga mariña, colaboradora e membro da Xunta Directiva da CEMMA. Hoxe día investigadora do Observatorio Pelagis de La Rochelle (Francia), cuxa misión é vixiar e monitorizar a conservación e ecoloxía dos mamíferos e as aves mariñas nas augas francesas, onde se ocupa das cuestións relativas a varamentos e contaminación.
- José A. Martínez: Biólogo e mergullador profesional. Dende 2012, ostenta o cargo de Presidente da CEMMA. Conta con 20 anos de experiencia traballando en diversos proxectos de monitorización e conservación de mamíferos mariños, destacando os relacionados co estudo das interaccións cetáceos-pesca. Participou en numerosas campañas de monitorización de fauna mariña, realizadas tanto en augas costeiras como oceánicas, incluindo tamén campañas aéreas. Responsable do deseño e dirección de proxectos, na actualidade dirixe o proxecto VIRADA.
- Aflredo López: Doutor en Bioloxía mariña, ilustrador científico e fundador da CEMMA (Presidente entre os anos 1992-2011). Experto na bioloxía e conservación dos mamíferos mariños, actualmente é asistente invertigador na Universidade de Aveiro-CESAM.
A emisión deste faladoiro, moderado polo compañeiro de Hábitat Andrés Pereira, será en directo o domingo 19 de abril ás 20:30h. Se estás interesado en participar como público poderás conectarte libremente a través das nosas canles de Facebook ou YouTube, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia o moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas.
Podes seguirnos na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Agardámoste!

Leave A Comment