Comprácenos anunciar que o Concello de Culleredo acollerá proximamente na súa Aula de Natureza Juan Lembeye a exposición que ilustra as obras presentadas no V Certame de Debuxo da Natureza Vida silvestre do encoro de Cecebre “Auga e vida”, organizado polo G.N.Hábitat da man de Emalcsa, e que conta coa colaboración da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Se non puideches visitala na Casa da Auga, tes unha nova oportunidade para gozar das 130 ilustracións de nenos e adultos de todas as idades, que se animaron a retratar a natureza e nos sorprenderon coas súas dotes artísticas, demostrando como o debuxo supón unha estupenda ferramenta para promover o coñecemento e a implicación cidadá no contacto coa flora e fauna que nos rodea.
Información xeral sobre a exposición:
- Período de apertura: do venres 27 de xullo ao xoves 30 de agosto do 2018. Acceso de balde e aberto ao público.
- Horario de visita: de luns a venres de 18 a 21h; sábados 11 a 13h e 18 a 21h; domingos e festivos pechado. O horario de visita coincide co de acceso ás instalacións da aula.
- Localización: Aula de Natureza Juan Lembeye (xunto ao Xardín Botánico “Ría do Burgo”, a carón mesmo da ría). Avenida Xoan Carlos I, s/n. 15670 O Burgo (Culleredo). Ver localización no mapa
- Máis información sobre a V convocatoria do Certame de Debuxo:
- Datos de participación
- Gañadores
- Vídeo do acto de entrega de premios (febreiro 2018)
Aproveitamos para lembrarvos que xa temos aberto o prazo de participación na VI edición deste evento! Toda a información poderás atopala na seguinte ligazón: VI convocatoria do Certame de Debuxo da Natureza. Non deixedes de participar, agardamos as vosas obras! Axúdanos a encher de natureza este verán
Dende aquí agradecer o interese e esforzos por parte do Concello de Culleredo, así como a colaboración de todos os implicados na iniciativa do noso benquerido Certame de Debuxo da Natureza. E por suposto a vós, participantes…a vosa implicación é o motivo de todo o noso traballo!


Leave A Comment