Hoxe é un día para celebrar! O pasado 16 de xuño de 2025, o Consello da Xunta aprobou definitivamente a declaración da contorna da Torre de Hércules como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), que finalmente foi publicada no DOG de 02/07/2025.
Este fito consagra a protección de preto de 40 hectáreas do litoral urbano do concello da Coruña, recoñecendo o seu valor ecolóxico e paisaxístico. Culmina así a tramitación de protección deste espazo, que contaba coa declaración provisional desde principios de 2020.
Que é un ENIL?
Un Espazo Natural de Interese Local (ENIL) é unha figura de protección ambiental para aquelas áreas dentro dun ou máis termos municipais que, polas súas características únicas, merecen algún tipo de protección dos seus valores naturais a nivel local. A súa declaración implica a elaboración e aprobación dun Plan de Conservación onde se recollan as actuacións necesarias para preservar hábitats e especies, regular usos e actividades (como sendeirismo, limpeza e mantemento de sendas) e previr impactos (como a invasión de especies alóctonas ou a contaminación). Ademais, os concellos asume a xestión activa dese espazo —coa posibilidade de implicar a grupos de voluntariado e a comunidade educativa— e a supervisión periódica do cumprimento das medidas aprobadas no plan, de xeito que se garanta un uso público sostible e a conservación a longo prazo dos valores naturais.
O ENIL Torre de Hércules esténdese desde O Areal (tamén coñecida como praia das Lapas), que constitúe o seu extremo oeste, pasando pola contorna do propio faro, punta Herminia e Campo da Rata ata o areal de Durmideiras, na banda leste. O borde sur é delimitado polo paseo marítimo e a senda que une o antigo cárcere provincial coa rotonda da Torre de Hércules.
O Plan de Conservación
Ademais de declararse definitivamente a contorna natural daTorre de Hércules como ENIL, tamén se aproba o Plan de Conservación que a partir de agora marcará as directrices para a xestión do espazo.
Dito plan prevé un orzamento de 379.000 € ao longo de seis anos para levar a cabo actuacións como a restauración das matogueiras secas europeas, a ampliación das comunidades de toxos e urceiras para reforzar a biodiversidade autóctona e o control de especies invasoras que ameazan os hábitats, entre outras moitas actuacións.
Ademais, prevé a supervisión periódica do estado das poboacións de flora e fauna, nova sinalización interpretativa para sensibilizar visitantes, e programas de custodia activa que permitirán a participación directa de voluntarios e centros educativos, garantindo así un uso público sostible e un seguimento continuado das medidas de conservación.
O papel do G. N. Hábitat
Levamos anos traballando pola conservación dos valores naturais e da biodiversidade da contorna da Torre de Hércules, desenvolvemndo a cabo numerosas actividades de investigación, conservación e divulgación, das que salientamos as seguintes realizadas na última década.
Actividades divulgativas
- Obradoiros con centros educativos e rutas guiadas para sensibilizar á cidadanía.
- Andainas ambientais pola contorna da Torre de Hércules e Punta Herminia para coñecer mellor a biodiversidade deste espazo natural.
- “Guardiáns da Torre de Hércules“: programa educativo do CEIP Víctor López Seoane (A Coruña) dirixido ao seu alumnado para fomentar o coñecemento e divulgación dos valores ambientais da contorna do ENIL Torre de Hércules.
- Charlas divulgativas, como “Natureza e sociedade: vínculo a prol da Torre de Hércules (25/10/2024)”.
- Actividades específicas para coñecer certos grupos de flora e fauna (maratóns ornitolóxicas, día das aves, descubertas de avelaiñas, arañas, etc.).
- Xincanas da natureza, para aprender sobre a flora e fauna deste espazo dun xeito lúdico.
Actividades de investigación
- Inventarios de flora e fauna costeira.
- Monitoreo de bolboretas dentro do programa European Butterfly Monitoring Scheme (BMS).
- Proxectos de investigación en colaboración coa Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, a través dos acordos de Aprendizaxe e Servizo (ApS) coa área de Botánica nas materias de Fanerogamia e Criptogamia, e de traballos Fin de Grao desta facultade. E tamén colaboracións en traballos de Fin de Mestrado no marco do “Máster universitario en biodiversidad terrestre: caracterización, conservación y gestión”, estudo interuniversitario no que participan as Universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela. Son exemplos:
- Dinámicas na sucesión ecolóxica despois de programas de erradicación de Carpobrotus edulis: efectos na ensamblaxe da comunidade vexetal e nas interaccións planta-herbívoro.
- Análise florística da recuperación de parcelas na Península da Torre tras a eliminación da exótica invasora Carpobrotus edulis.
- Herbivoría del caracol Theba pisana sobre las flores de Carpobrotus sp.
- Dinámicas na sucesión ecolóxica despois de programas de erradicación de Carpobrotus edulis: efectos na ensamblaxe da comunidade vexetal e nas interaccións planta-herbívoro.
Actividades de conservación
- Campañas de limpeza de residuos.
- Propostas de restauración e mellora de hábitats dirixidas ao Concello e á Xunta de Galicia.
- Elaboración de informes técnicos e alegacións durante o proceso de tramitación do ENIL.
- Retirada de especies exóticas invasoras: levamos 8 anos de esforzo constante no ámbito do ENIL Torre de Hercules, executando numerosas actividades de voluntariado ambiental dirixidas especialmente ao control da flor de coitelo (Carpobrotus spp.). Froito deste traballo os datos actualizados reflicten que levamos retirados 84.848 kg desta planta en 88 xornadas de traballo, grazas a 1.751 voluntari@s que viñeron a esforzarse connoso pola conservación deste espazo.
O seguimento exhaustivo que estamos a realizar nos permite estimar que temos liberado desta especie invasora máis do 55% da superficie ocupada por esta, e que as áreas traballadas avanzan paseniño cara a súa recuperación co establecemento da vexetación nativa.
Patrimonio da humanidade e natural
Temos aunado cultura e natureza neste espazo a través de eventos en colaboración co Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, como o concurso de fotografía da natureza, as xornadas de ilustración de flora e fauna silvestres, e a exposición fotográfica “O patrimonio natural da contorna da Torre de Hércules”.
Seguimos adiante
Con esta declaración definitiva, abrimos unha nova etapa de custodia activa, investigación e participación cidadá. Agardamos seguir contando coa vosa enerxía para supervisar o cumprimento do plan de conservación e para impulsar proxectos que amplíen o valor natural da Torre de Hércules.
O compromiso dos membros, socios e voluntarios de Hábitat, xunto coa colaboración das administracións locais e autonómicas, fixo posible chegar a este momento. Agora toca consolidar os avances e garantir un uso público sostible deste espazo singular.
Grazas a todos por facer de este soño unha realidade. Continuemos traballando xuntos pola protección do noso patrimonio natural.



Leave A Comment