Seguimos afianzando sinerxias coa comunidade universitaria! Desta volta colaboramos novamente no desenvolvemento dun Traballo Fin de Mestrado (TFM), que nesta ocasión virá a cargo de Iago Cruz Quintás. O estudo, que levará como título “Herbivoría del caracol Theba pisana sobre las flores de Carpobrotus sp.” estará dirixido polos investigadores e docentes Sergio Rodríguez Roiloa (Universidade da Coruña) e Jonatan Rodríguez Parra (Universidade de Santiago de Compostela), e ten por obxectivo estudar as interaccións planta-herbívoro en hábitats invadidos polo Carpobrotus sp. 

A presenza de especies introducidas pode levar parello cambios nas interaccións que se establecen entre as distintas especies dunha comunidade, afectando a patróns de competencia, consumidor-recurso, ou polinización, entre outros. En particular, o presente estudo pretende avaliar o efecto da herbivoría do caracol Theba pisana (nativo no sur de Europa) sobre as flores de Carpobrotus, e as súas potenciais consecuencias sobre a produción de sementes. 

Esta investigación encádrase no desenvolvemento do Máster universitario en biodiversidad terrestre: caracterización, conservación y gestión (título interuniversitario no que participan as Universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela) co que xa colaboramos en anos anteriores, e aproveitará como área de estudo diversos espazos de traballo da contorna da Torre de Hércules nos que o Grupo Naturalista Hábitat leva desenvolvidas numerosas accións de retirada desta especie invasora nos últimos anos, da man do voluntariado ambiental.

Unha vez máis, dende o G.N.Hábitat é un pracer poder aportar un pequeno gran de area á investigación científica levada a cabo polos estudantes universitarios. Un traballo que complementa perfectamente a labor que desenvolve a entidade. 

De seguro que os esforzos de Iago e os seus titores permitirán aportar información moi valiosa no eido da problemática coas especies exóticas invasoras.

Estade atentos! Daremos conta dos resultados deste traballo unha vez rematado.