Velaquí unha nova actividade no Monte da Fraga, organizada da man da Oficina de Sustentabilidade (OdS) da Universidade da Coruña. Nesta ocasión prestaremos especial atención á plantación realizada no pasado mes de febreiro, cando incorporamos ao Monte da Fraga unha variedade de especies arbóreas e arbustivas autóctonas, nun espazo antigamente ocupado por eucaliptos (ver imaxe). Para facilitar o seu éxito neste primeiro ano de implantación, a todas as novas plantas compre facerlles agora unha rega, de xeito que superen cun menor estrés o período estival. Será unha xornada en grupo ao aire libre, na que ademáis de regar en detalle cada unha das árbores, aproveitaremos tamén para poñer en valor a biodiversidade ligada a este pequeno recuncho natural situado na contorna da Facultade de Ciencias (campus da Zapateira).
A actividade, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo 6 de xullo do 2025, de 11 a 13h. Será unha xornada eminentemente práctica en campo, movéndonos pola contorna do Monte da Fraga. Para a participación na actividade é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat, a través do correo electrónico achegado na inscrición.
A xornada establece así mesmo un recoñecemento de créditos para estudantes de grao da UDC: 2h (1c por cada 10h de participación en actividades da OdS).
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios: inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!


Leave A Comment