Hoxe luns, 18 de maio, conmemórase o Dia Internacional dos Museos, iniciativa promovida polo Consello Internacional dos Museos (ICOM), e que ano tras ano se celebra nestas datas co obxectivo de sensibilizar ao público sobre o papel dos museos na sociedade.

A pesar da situación actual derivada pola crise sanitaria, e a consecuente declaración do estado de alarma, o Grupo Naturalista Hábitat xunto co Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña queremos aportar o noso pequeno grao de area, compartindo novamente con todos vós o nexo que nos une: a paixón pola Torre de Hércules e a natureza que a rodea.

A Torre é, sen dúbida, patrimonio con maiúsculas. Historia, arquitectura, paisaxe e vida conflúen en perfecta harmonía, permitindo ao visitante gozar dunha experiencia extraordinaria, que se ve completada cando o percorrido comprende dende as entrañas, ata a contorna mesma do emblemático faro. Así, e con motivo da conmemoración do seu X aniversario na Listaxe do Patrimonio Mundial, o pasado ano 2019 ambas institucións colaboramos de xeito altruista para facer posible a exposición fotográfica “O patrimonio natural da contorna da Torre de Hércules”. Como resultado xurdiu unha breve mostra, consistente en 20 paneis de gran formato, ilustrados con imaxes dalgunhas das especies de flora e fauna presentes neste espazo natural, así como paisaxes e accións levadas a cabo polo G.N. Hábitat na súa contorna. As fotografías mostradas en cada panel, van acompañadas dun texto explicativo (redactado en galego, castelán e inglés), que procura informar minimamente ao lector sobre as características das especies representadas, as particularidades e o contexto das escenas reflectidas, así como salientar a súa vinculación neste espazo natural.

Esta mostra naceu sen a pretensión de ser unha iniciativa de fotografía profesional, nin de amosar toda a biodiversidade ligada á contorna da Torre de Hércules (que comprende centos de especies). O seu obxectivo foi máis humilde: servir de breve homenaxe a este enclave de referencia da cidade da Coruña (benquerido por todos os visitantes), promover na sociedade o seu coñecemento, e transmitir a necesidade da conservación da súa fauna, flora e xea asociada. En resumo, coñecer para conservar

Os paneis permaneceron expostos ao público na Torre de Hércules no verán do 2019, repartidos ao longo das diferentes estancias e pisos do monumento, agardando a todo aquel que se quixera achegar. Aves, mamíferos, anfibios, réptiles, invertebrados e plantas colleron protagonismo, salpicando de cor e vida o interior do edificio, reflexo da súa presenza na contorna e fieis compañeiros nas visitas arredor da Torre.

Lamentablemente, todos vivimos hoxe día unha realidade máis difícil, e que complica polo de agora poder desenvolver iniciativas como esta, nas mesmas condicións ca no 2019. Pero ao igual que acontece na natureza, o importante é adaptarse, e por iso queremos compartir con todos vós esta fermosa mostra en formato dixital, para que calquera interesado poda ollar as imaxes e textos que a compoñen, podendo descargar os 20 paneis en pdf. Un pequeno “paseo virtual en representación da natureza da Torre, para o que non precisas máis que acceder á seguinte ligazón

Así e todo, o 2020 trouxo boas novas para este espazo a comezos de ano, xa que o 13 de xaneiro o Diario Oficial de Galicia recollía a declaración provisional da Torre de Hércules como Espazo Natural de Interese Local (ENIL Torre de Hércules). Este recoñecemento por parte da Xunta de Galicia, motivado a petición do Concello da Coruña, supón constatar a importancia da diversidade biolóxica desta contorna, que tanto anos levamos poñendo en valor dende o G.N. Hábitat a través de numerosas actividades de divulgación, estudo e conservación ambiental. Mais o traballo aínda non ten rematado. Queda empurrar cara a súa declaración definitiva como ENIL nun prazo de dous anos, e chegar a compartir título con outros espazos naturais de gran relevancia na cidade, como é o caso das Illas de San Pedro.

Agardamos que máis temprano que tarde esteamos compartindo con todos vós novas xornadas de campo neste fermoso espazo. Namentres, confiamos en que a exposición que hoxe compartimos vos anime a achegarvos á Torre de Hércules cos ollos ben abertos, espírito naturalista, e prismáticos ao pescozo.

Unha vez máis, agradecer novamente aos compañeiros e compañeiras que, tamén de xeito altruista, cederon as fotografías que compoñen a mostra: Carla Soaje, Elia Pérez, Xosé Manuel Carregal, Daniel Monteagudo, Manuel Cernadas, Ricardo Ferreiro, Manuel Ruiz, Alejandro López, Xacobo de Toro e Andrés Pereira.

Saúde e natureza!