O vindeiro “Falando de natureza” será moi especial. Como xa saberás dende o Grupo Naturalista Hábitat, en acordo coa Concellería de Medio Ambiente do Concello da Coruña, levamos 7 anos de esforzo constante na cotorna natural da Torre de Hércules, levando a cabo numerosas actividades de voluntariado ambiental dirixidas especialmente ao control da especie exótica invasora coñecida como uña de gato (Carpobrotus spp.). Froito deste traballo os datos actualizados reflicten que levamos retirados 70.528 kg desta planta en 74 xornadas de traballo, grazas aos 1348 voluntari@s que viñeron a esforzarse connoso pola conservación deste espazo. 

O seguimento exhaustivo que estamos a realizar nos permite estimar que temos intervido xa en máis do 50% da superficie que ocupa esta especie invasora no Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Torre de Hércules, e que as áreas traballadas avanzan paseniño cara a súa recuperación co establecemento da vexetación nativa. Facer afirmacións coma esta non se basa unicamente en suposicións, senón que requiren dunha análise detallada que permita constatar científicamente o éxito -ou non- das tarefas que se están a realizar co voluntariado. E xusto neste punto é onde destaca a sinerxia establecida coa comunidade universitaria, especialmente coa Área de Botánica da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña. Dende o ano 2021 diferentes estudantes do Grao en Bioloxía realizan traballos de campo baseados na análise diferencial en parcelas que teñen experimentado distintos tratamentos dentro do proceso de eliminación da uña de gato, avaliando a recuperación da comunidade vexetal. Unha colaboración establecida no marco da metodoloxía Aprendizaxe-Servizo, e titorizada académicamente polos botánicos, docentes e investigadores Dra. Elvira Sahuquillo Balbuena e Dr. Manuel Pimentel Pereira.

Sendo a metodoxía de Aprendizaxe-Servizo aquela que pretende unha aprendizaxe significativa, aplicando coñecementos a contextos reais e fomentando servizos en favor da sociedade e do Ben Común, que mellor que facer chegar á cidadanía os traballos e resultados acadados por estes futuros biólogos. Con este motivo organizamos a vindeira charla nomeada “Análise florística da recuperación de parcelas na Península da Torre tras a eliminación da exótica invasora Carpobrotus edulis (L.) N.E.Br”, que será impartida polos estudantes de 3º curso do Grao en Bioloxía Andrea Veiga Placa, Rubén Fernández Vecino, Leonardo Ríos Varela e Alexandre Peón Vázquez, onde exporán as súas tarefas e conclusións, nun traballo que pretende axudar na toma de decisións neste proceso de restauración ambiental.

A charla, de balde e aberta ao público de calquera idade, terá lugar xoves 18 de xullo do 2024, ás 20h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-). Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Agradécese a asistencia do público no local, xa que contaremos coa presenza dos diferentes relatores (estudantes e titores académicos) na xornada.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Agardámoste!