O vindeiro domingo, 21 de decembro de 2025, de 9 a 14h, convidámoste a participar nunha nova edición do CoruñAves, a Maratón Ornitolóxica do concello da Coruña. Tras 15 anos de traxectoria, esta actividade segue sumando persoas ao apaixonante mundo das aves, combinando divulgación, aprendizaxe e diversión.
Ao longo dunha mañá, os distintos equipos percorrerán o termo municipal da Coruña co reto de observar e identificar o maior número posible de especies de aves, nunha xornada lúdica e participativa pensada para todos os públicos.
A actividade é gratuíta e aberta ao público (os menores deberán acudir acompañados dunha persoa adulta). Non obstante, é imprescindible inscribirse previamente a través do formulario en liña habilitado, xa que as prazas son limitadas.
Toda a información detallada sobre a actividade, así como o acceso ao formulario de inscrición poderás atopalo tamén nas Bases Reguladoras, que deberán ser consultadas e respectadas por todos os interesados en participar:
As prazas son limitadas. En calquera caso, seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado. Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org ou no 981 135 014.
Anímate a participar na XVI CoruñAves!!

Leave A Comment