Tras o éxito da primeira edición, este outono repetimos curso! A Asociación Micolóxica Coruñesa, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, ten o pracer de anunciar o Curso de Iniciación á Micoloxía 2025, que será impartido novamente pola nosa compañeira Raquel Poncini Gómez.

Raquel conta cunha traxectoria de máis de 15 anos no mundo dos fungos e é vicepresidenta da Asociación Micolóxica Coruñesa desde 2022. Nesta nova edición, guiaranos a través de dez sesións teórico-prácticas, nas que abordaremos de forma accesible e completa a bioloxía, ecoloxía, morfoloxía e usos dos fungos, sen esquecer a súa importancia cultural, histórica e medicinal.

O curso, aberto ao público e cun enfoque didáctico e participativo, terá lugar todos os luns desde o 22 de setembro ata o 1 de decembro de 2025 no noso local social da Coruña. Está pensado tanto para persoas que se inician no mundo da micoloxía como para aquelas que desexan afondar no coñecemento dos fungos. A actividade terá un custo de 22 euros, destinados a sufragar os materiais que se entregarán ás persoas participantes ao longo das sesións.

Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Podes consultar o temario das xornadas na seguinte ligazón.

 

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Achégate connosco!