Convidámoste a participar no Voluntariado Interxeracional do GCU co Patrimonio en Bosques GAL, unha proposta transformadora que terá lugar entre o 23 de setembro e o 7 de outubro de 2025 no concello de Monfero, nas Fragas do Eume e contorna. Durante quince días terás a oportunidade de mergullarte na realidade do rural galego, convivindo con persoas doutras xeracións e contribuíndo á protección do bosque atlántico e do patrimonio cultural galego.

Este programa, promovido polo Grupo Compostela de Universidades en colaboración con diversas entidades sociais e ambientais, busca mobilizar a cidadanía para a posta en valor do patrimonio material e inmaterial das nosas paisaxes. A través de accións relacionadas coa agroalimentación, o medio ambiente e o turismo, búscase favorecer a transición ecolóxica, fortalecer a cohesión social, impulsar a igualdade de xénero e contribuír á revitalización demográfica de zonas con risco de despoboamento.

Durante a estadía realizaranse accións como a restauración do bosque atlántico, a procura e documentación de petróglifos, a recuperación de curripas de castañas, inspeccións de ríos, catalogación de fauna local ou a creación e promoción dun novo roteiro que poña en valor os espazos de actuación do proxecto. Ademais, incluiranse obradoiros gastronómicos, encontros coa veciñanza, recollida de lendas e historias, e espazos para o intercambio de coñecementos entre xeracións.

O voluntariado está aberto a persoas de entre 18 e 35 anos e maiores de 55 anos, tanto galegas como estranxeiras empadroadas en Galicia, incluíndo tamén aquelas con diversidade funcional acreditada que poidan realizar as actividades previstas. As persoas participantes recibirán un curso de formación, seguro, transporte local e apoio para as tarefas, ademais de dietas por xornada e aloxamento se fose necesario. Ao rematar, obterán un diploma acreditativo e ata 3 créditos ECTS pola USC, se se cumpre cos requisitos establecidos.

A inscrición está aberta ata o 27 de xuño de 2025. Non perdas a oportunidade de formar parte dun proxecto que une natureza, tradición e futuro.