Este domingo, damos a benvida ao verán cunha nova ruta divulgativa do proxecto Víxías dos nosos ríos. Nesta ocasión, visitaremos o interesante e serpenteante río Anllóns, ao seu paso polo concello de Laracha.

O noso foco estará na fauna que se agocha entre as súas augas, o bosque de ribeira e os hábitats próximos. Observaremos de preto pequenos animais, distinguiremos as aves polo seu canto e buscaremos rastros de mamíferos que habitan na zona. En anteriores visitas ao Anllóns, valoramos a calidade do bosque de ribeira, o estado ecolóxico das augas e analizamos o impacto das especies exóticas invasoras de flora, tanto en rutas botánicas como en obradoiros de Vixías dos nosos ríos. Na última, atopamos 25 familias distintas de macroinvertebrados bioindicadores, entre elas larvas do tricóptero Helicopsyche helicifex, que fai uns estoxos espectaculares de forma helicoidal. 

O río Anllóns, ademais de ter un importante valor ecolóxico, tamén é fonte de inspiración para a letra dalgunha canción: “Sae da Serra de Montemaior, pérdese no Verdes e no Añón, e vai morrer ao mar na ría de Laxe e Corme. O esteiro é tan fermoso, deixarate sen respiración, eu non sei nadar pero aprendería no Anllóns”.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo, 22 de xuño do 2025, de 10:30h a 13:30h. Para participar, é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Esta ruta encádrase no programa de actividades de “Vixías dos nosos ríos, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.

Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org699 876 322

Agardámoste!