O vindeiro domingo, 22 de xuño de 2025, de 17:30 a 20:30h, celebramos un novo Encontro Naturalista en Carral (A Coruña), dedicado a unha das tradicións máis fondas da nosa cultura: as herbas de San Xoán.

Durante esta xornada divulgativa falaremos das diferentes plantas que forman parte desta mestura tradicional, das súas propiedades e usos, así como dos rituais e crenzas asociados á noite máis máxica do ano en Galicia. A través da observación e da conversa, achegarémonos a un saber popular que combina natureza, cultura e identidade.

Contaremos coa colaboración de Brexa, entidade de custodia do territorio que coñece en profundidade o entorno no que se desenvolverá a actividade.

Importante: Nesta actividade NON recollemos herbas, senón que aprenderemos a identificalas no seu medio natural, respectando os espazos e promovendo unha relación sostible coa contorna.

Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición. A reserva non será efectiva ata recibir confirmación por parte do G.N. Hábitat a través do correo electrónico facilitado no formulario.

Se tes dúbidas ou precisas máis información, podes escribir a inscricion@gnhabitat.org ou chamar ao 981 135 014.

Anímate a participar connosco!