Retomamos as actividades de primavera do proxecto “Vixías dos nosos ríos” cunha nova ruta polo val do río Mandeo, entre os concellos de Coirós e Paderne. Realizaremos unha andaina de dificultade media cun percorrido de aproximadamente 8 km. Durante a ruta, faremos paradas para gozar da floración dalgunhas das especies máis representativas do bosque de ribeira, como os narcisos. Ademais, será un bo momento para identificar as especies de insectos acuáticos e polinizadores, que comezan a súa actividade nesta época do ano.
Acompañados polo ruxir dos rápidos do río Mandeo, escoitaremos as aves, buscaremos anfibios e buscaremos indicios da presenza de mamíferos. Tamén analizaremos as principais ameazas para a conservación da biodiversidade no ecosistema fluvial.
O río Mandeo está protexido como Zona de Especial Conservación Betanzos – Mandeo e constitúe o núcleo da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. A súa conservación depende en gran medida do labor de custodia da Fundación Fragas do Mandeo, que leva a cabo numerosas accións como a extracción de flora exótica invasora, a retirada de lixo e a protección do bosque de ribeira.
A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo, 29 de marzo do 2026, de 10h a 13:30h. Para a asistencia e participación é imprescindible realizar inscrición previa a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Esta ruta encádrase no programa “Vixías dos nosos ríos”, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.
Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org│639 13 16 88
Agardámoste!

Leave A Comment