Continuamos coa VIII promoción de Escola de Naturalistas. Este sexto bloque estará adicado á entomoloxía, coa charla “Introdución á entomoloxía” e a súa correspondente saída de campo. Afondaremos neste extenso á par que abraiante mundo dos invertebrados terrestres, coñeceremos as diferentes técnicas de estudo, ademais de consellos e experiencias útiles para os que se queiran iniciar neste apaixonante mundo.

Este bloque de contidos virá impartido polos compañeiros do G.N.Hábitat:

Elia Pérez:

Xestora do G.N. Hábitat e Licenciada en Bioloxía pola Universidade de A Coruña, Máster en biodiversidade pola Universidade Autónoma de Madrid centrado na Lepidopteroloxía. Ten participado en diferentes xornadas e congresos, entre os que destaca o Congreso Español de Entomoloxía do ano 2015, no cal expuxo o seu estudo “Influencia de las carreteras A-4 y R-4 en los lepidópteros de la Reserva Natural “El Regajal-Mar de Ontígola””.

Manu Cernadas:

Informático de profesión e naturalista de vocación, implicouse activamente no Grupo axudando na optimización dos procesos e técnicas desenvolvidas por G.N.Hábitat nos seus estudos. Actualmente é o Secretario do G. N. Hábitat. Dende hai anos comparte con Elia a paixón polos lepidópteros, en especial polas avelaíñas, das que levan detectado máis de 400 especies diferentes nos mostreos que realizan por todo o territorio galego.

Vémonos na Escola compañeiros!