Unha vez máis, e cumprindo xa os 5 anos, o Grupo Naturalista Hábitat, da man da Empresa Municipal Aguas de La Coruña (Emalcsa), comprácese en organizar o V CERTAME DE DEBUXO DA NATUREZA “Vida silvestre do encoro de Cecebre”.

Nesta nova convocatoria, que leva como título “Auga e vida“, o G.N.Hábitat quere poñer en valor a auga como fonte de vida, recurso indispensable para o mantemento da riqueza natural e da biodiversidade. Alén da súa percepción cotiá nas nosas vidas, a auga áchase como o elemento fundamental do que depende en gran medida a Vida Silvestre, que se atopa necesariamente vencellada a ela.

Coa posta en marcha desta iniciativa preténdese implicar á xente no contacto coa súa contorna, a través do debuxo da flora, fauna e xea presente no espazo natural protexido do encoro de Cecebre [integrado na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo] e as cuncas dos ríos Mero e Barcés, co gallo de consolidar na cidadanía unha corrente de interese polo coñecemento e preocupación pola conservación do Patrimonio Natural.

A inscrición éde balde e aberta á cidadanía, non sendo preciso ter aptitudes nin coñecementos en ilustración para poder participar, tan só as ganas de gozar da natureza a través do debuxo. Haberá dúas categorías diferentes (menores e maiores de 14 anos) e premios en todas elas para as obras máis salientables. Así mesmo, de entre as obras achegadas seleccionaranse aquelas que pasarán a ilustrar o Calendario 2018 da nosa entidade.

prazo de peche de inscricións e entrega dos debuxos rematará o vindeiro luns 16 de outubro de 2017. Hai tempo dabondo, pero non o deixedes para o último día!

Toda persoa que desexe participar deberá ler e cumplir o recollido no documento das Bases Reguladoras, dende as cales se da acceso ao formulario de inscrición online, dispoñible para a súa descarga na seguinte ligazón:

Descarga das Bases Reguladoras

Así mesmo, podes descargar o cartel do V certame de debuxo na seguinte ligazón, e compartilo con quen queiras!

Descarga do cartel

Todos os anos achéganse centos de obras de participantes de todas as idades….Anímate, difúndeo e axúdanos a superarnos este ano!!

* Se queres atopar máis información, imaxes e vídeos de anteriores convocatorias desta iniciativa, podes utilizar a ferramenta “buscar” da nosa web (representada co símbolo dunha lupa, mostrada na parte superior dereita da pantalla da nosa web), filtrando coas palabras certame ou debuxo.

Agardamos as vosas ilustracións!

*Nota:

Prazo de inscrición e entrega dos debuxos ampliado ata o día 23 de outubro de 2017.