O pasado 25 de setembro, o Grupo Naturalista Hábitat presentou alegacións ao proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e plan de restauración da canteira Granitos del Noroeste 6, situada no lugar de Moucho (Arteixo), por ter detectado unha serie de erros e omisións.

En primeiro lugar, a normativa ambiental detallada no apartado 1.5 do Plan de Explotación (tres Reais Decretos, un Real Decreto-Lei e un Decreto) está obsoleta. Dan por válidas normas que a día de hoxe están modificadas ou derogadas e, polo tanto, non serven como lexislación de referencia. Así mesmo, tendo en conta que a lexislación ambiental recollida neste punto 1.5 “serviu de base para elaborar o proxecto”, segundo os promotores afirman, Hábitat considera que é unha grave deficiencia, e que debería revisarse e redactarse de novo o proxecto atendendo á normativa ambiental en vigor.

Outra cuestión preocupante é que no Estudo de Impacto Ambiental e no Plan de Restauración, en concreto no apartado 1.3.2 Descrición do medio físico e biótico, non se aborda ningún estudo serio de flora ou fauna. Máis aínda, afírmase o seguinte: “En estas zonas de ampliación el ruido ya ha ahuyentado a la fauna previamente”. Segundo os nosos datos, derivados de mostraxes extensivas, dentro da zona de explotación e na contorna inmediata (<1km) existen alomenos 56 especies de plantas, 44 de aves, 9 de insectos, 8 de mamíferos, 4 de anfibios, 3 de réptiles, 2 de moluscos e 1 de fungos, que foron detalladas nas alegacións presentadas. Por este motivo consideramos deficiente o estudo do medio realizado para o Estudo de Impacto Ambiental e o Plan de Restauración, e solicitamos que se desenvolva un novo estudo serio e rigoroso por parte de profesionais competentes en materia ambiental.

Un aspecto mellorable é que no Plan de Restauración da canteira elimínanse todas as masas de auga existentes, afirmando o seguinte: “para emprender la restauración de relleno de hueco de explotación (se usarán) básicamente (…) estériles acopiados de la propia explotación (lodos deshidratados de las balsas de decantación y mineral no apto para su conversión en áridos) (y) material inerte procedente de desmontes de proyectos de obras de infraestructuras y material inerte procedente de la gestión de residuos de construcción y demolición”. Nestas masas de auga da canteira Granitos del Noroeste 6 existen varias especies de anfibios protexidas, como o sapiño comadrón Alytes obstetricans e o pintafontes verde Triturus marmoratus, ademais de varias especies de libeliñas. Dende Hábitat solicitamos que o Plan de Restauración contemple as pozas e lagoas existentes, seguindo os principios da restauración ecolóxica, e actuando na mesma dirección que a propia dinámica de ecosistemas. Sería mesmo desexable que se favorecese a formación de charcas de diversa profundidade, incluíndo algunhas someras de menos de 20 cm de profundidade máxima.

É unha mágoa que o descoñecemento, o desinterese e a falta de profesionalidade dean lugar a situacións como esta: proxectos baseados en normas obsoletas, elaborados con mentalidades máis propias do século pasado que deste, e que pouco aportan ao medio natural.