O martes 30 de xuño de 2026 celebrarase en Couso (Gondomar, Pontevedra) a xornada Territorios que Aprenden, un intercambio de experiencias e reflexión colectiva arredor das actuacións desenvoltas na acción piloto Green InfrasTREEcture in the Landscape, implementada nos territorios de Fisteus (Curtis, A Coruña), Muíños (Ourense) e Couso (Gondomar, Pontevedra).
A xornada enmárcase no proxecto europeo GIFT – Green Infrastructure for Forest and Trees, unha iniciativa de cooperación que promove a creación e fortalecemento de infraestruturas verdes e a xestión sustentable das paisaxes forestais a través da participación dos actores locais e da transferencia de coñecemento entre territorios.
Territorios que Aprenden concíbese como un espazo de posta en común das experiencias desenvoltas nos tres territorios piloto, favorecendo o diálogo entre as persoas participantes, a identificación de aprendizaxes compartidas e a reflexión sobre os retos e oportunidades que presenta a construción de paisaxes máis resilientes e sustentables.
A xornada, que terá lugar na Casa Veciñal de Couso (Gondomar), constitúe unha oportunidade para compartir coñecemento e reforzar as redes de colaboración entre comunidades e entidades comprometidas coa conservación e a valorización das infraestruturas verdes.
Programa
O programa, actualmente en elaboración, incluirá unha sesión de mañá centrada en faladoiros e coloquio entre as persoas participantes nas distintas actuacións, cun enfoque participativo orientado ao intercambio de experiencias, coñecementos e aprendizaxes xeradas nos tres territorios piloto.
Ao mediodía, poderanse degustar produtos locais procedentes de iniciativas de aproveitamento e explotación sostible do monte comunal.
A xornada concluirá cun percorrido polos Montes de Couso, que permitirá coñecer sobre o terreo as actuacións desenvolvidas e favorecer a reflexión compartida sobre o papel das infraestruturas verdes e da xestión sustentable na construción de territorios máis resilientes e conectados.
Participación e inscricións
A xornada é de balde e aberta a todos os públicos, previa inscrición a través do seguinte formulario habilitado:
Para facilitar a asistencia, haberá un servizo de traslado en autobús para os participantes, desde Curtis (bus norte) e desde Lobios (bus sur) con saída ás 9:00 h.
As prazas son limitadas, e terán prioridade as persoas e entidades relacionadas coa acción piloto do proxecto. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G. N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Todos os participantes que sexan confirmados vía e-mail recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade, e contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada.
🌱 A terra medra cando a comunidade participa.

Leave A Comment