O pasado sábado 27 de xuño, un total de 16 persoas socias do Grupo Naturalista Hábitat participamos nunha nova xornada de estudo da biodiversidade do futuro ENIL de Alcaián, no concello de Coristanco.

Durante aproximadamente cinco horas percorremos o espazo e os seus diferentes hábitats co obxectivo de continuar ampliando o coñecemento sobre a súa biodiversidade e localizar novas especies que aínda non formasen parte do inventario da zona.

A xornada reuniu persoas con experiencia en diferentes ámbitos do naturalismo, como a ornitoloxía, a micoloxía, a entomoloxía e a botánica, o que permitiu realizar unha prospección ampla de distintos grupos de flora e fauna.

Este traballo dá continuidade ás prospeccións realizadas por Hábitat en Alcaián e permitiu acadar un novo fito: o inventario do espazo supera xa as 500 especies rexistradas.

Esta elevada diversidade pon de manifesto o importante valor natural de Alcaián e sitúa este espazo entre os lugares cunha maior biodiversidade coñecida do concello de Coristanco.

Desde o Grupo Naturalista Hábitat continuaremos traballando no estudo e coñecemento deste espazo e na posta en valor do seu patrimonio natural.