Pechamos as actividades previstas para o mes de decembro dentro da iniciativa a A Liga das Sebes cun encontro titulado Sebes vivas: que son e que está a pasar en Fisteus?, pensado para todas as persoas interesadas no territorio, no rural e na recuperación destes elementos tradicionais que coidan da terra e da biodiversidade.

Será o sábado 13 de decembro. Por unha banda, haberá un faladoiro informativo aberto ao público sobre a importancia das sebes vivas na paisaxe agraria galega e o proxecto A Liga das Sebes que se está a desenvolver en Curtis. Seguidamente, realizaremos unha andaina guiada polas sebes das Merelas (Fisteus, Curtis) para coñecer exemplos reais de sebes, observar as especies que as compoñen e entender sobre o terreo como funcionan e que papel xogan na paisaxe agraria. 

🗣 Faladoiro 🕥 De 10:30 a 11:30 h

📍 Centro Etnográfico do Mandeo, Teixeiro

🚶 Andaina 🕛 De 12:00 a 14:00 h

📍 As Merelas (Fisteus, Curtis)

Estas actividades divulgativas forman parte da acción piloto Green InfrasTREEcture for the Landscape, promovida polo Instituto de Estudos do Territorio dentro do proxecto europeo GIFT – Green Infrastructure for Forest and Trees, e contan coa colaboración do Concello de Curtis, da Consellería do Medio Rural e de diferentes entidades locais.

A asistencia é aberta e gratuíta. Para participar, é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza nas actividades ata non recibir confirmación por parte do G.N. Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Anímate a vir, escoitar, preguntar e coñecer as sebes vivas de Fisteus.