As especies exóticas invasoras son unha das principais ameazas para a biodiversidade costeira. Entre elas, destaca o Carpobrotus sp., tamén coñecido como uña de gato, unha planta orixinaria de Sudáfrica que foi introducida como ornamental e para fixar areais, pero que hoxe en día se espalla rapidamente, formando tapizados densos que desprazan a vexetación autóctona e alteran o equilibrio natural das dunas.

Por iso, imos levar a cabo a retirada manual do Carpobrotus sp. na contorna do Areal de Alba (Sabón, Arteixo), para contribuir á recuperación do hábitat dunar e á conservación do noso litoral. Nesta ocasión, contaremos coa axuda do alumnado de 1º da ESO do Colexio Compañía de María, da Coruña.

Esta acción enmárcase dentro do proxecto “Estudo e divulgación do medio mariño e costeiro no GALP GA Sur 2025”, co que GN Hábitat promove a conservación e posta en valor do litoral a través de accións de seguimento ambiental, recuperación de espazos costeiros e actividades de divulgación e sensibilización cidadá. Conta co financiamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), e pola Xunta de Galicia. 

Entre todos, melloraremos o planeta!