Este mércores, dende o noso proxecto “Vixías dos nosos ríos” levaremos a cabo unha nova acción de voluntariado ambiental no río Lambre, ao seu paso polo concello de Miño. A actividade consistirá na erradicación de especies de flora exótica invasora, centrando os nosos esforzos na extracción de Crocosmia x crocosmiiflora. Esta intervención ven a reforzar outras retiradas desta planta de orixe sudafricano, levadas a cabo polo Grupo Naturalista Hábitat e a Fundación Fragas do Mandeo

O río Lambre conserva un bosque de ribeira de boa calidade, con lixeiras perturbacións, que procuraremos paliar para favorecer a recuperación do hábitat natural. Nos seguimentos realizados polo noso equipo atopamos múltiples citas de especies autóctonas de interese, entre elas 23 familias de macroinvertebrados bioindicadores, que avalan o bo estado ecolóxico do río Lambre

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o mércores, 20 de agosto do 2025, de 17:00h a 20:00h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Esta ruta encádrase no programa de actividades de “Vixías dos nosos ríos, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.

Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org639 13 16 88

Agardámoste!