Onte, coincidindo coa véspera do Día Mundial da Prevención dos Incendios Forestais, desde o Grupo Naturalista Hábitat expuxemos a nosa reflexión sobre os lumes que, un verán máis, volven arrasar parte do territorio galego e ibérico. Fixémolo a través dun artigo publicado na prensa local, onde analizamos as causas profundas desta situación e propoñemos camiños para reverter esta crise ambiental, social e territorial.
"Os incendios forestais recentes: causas e desafíos"
Publicado en La Opinión A Coruña con motivo do Día Mundial da Prevención dos Incendios Forestais.
Ler artigo completo →
Os incendios forestais seguen a deixar unha pegada devastadora: perda de patrimonio natural, destrución de bens materiais e, nalgúns casos, consecuencias tráxicas para a vida das persoas. E aínda que o lume non é alleo ao noso territorio —historicamente presente en Galicia—, nas últimas décadas mudaron radicalmente as súas causas, a súa recorrencia e, sobre todo, a súa intensidade e extensión.
Hoxe vivimos nunha Galicia marcada por un abandono crecente do rural, unha xestión forestal deficiente, e unha urbanización dispersa que agrava a vulnerabilidade fronte ao lume. A combinación destes factores, sumada ao cambio climático, está a converter os incendios nun fenómeno cada vez máis descontrolado e recorrente.
Desde o Grupo Naturalista Hábitat consideramos urxente un cambio profundo nas políticas públicas relacionadas co territorio, o monte e a prevención de incendios. Por iso, sumámonos ao apoio das “10 propostas para reducir o impacto dos incendios” elaboradas pola organización ecoloxista ADEGA, que recollen medidas clave para afrontar esta realidade de maneira estrutural e sostida no tempo.
10 propostas para reducir o impacto dos incendios
Unha chamada á acción desde ADEGA para afrontar estruturalmente o problema dos lumes forestais en Galicia.
Ler propostas completas →
Estas propostas poñen o foco na planificación forestal, a ordenación do territorio, a recuperación do mosaico agrario, a profesionalización do dispositivo de prevención e extinción e o impulso de políticas que entendan o monte como un espazo multifuncional, vivo e diverso.
Neste contexto de emerxencia, tamén queremos expresar a nosa solidariedade con todas as persoas afectadas polos lumes e o noso recoñecemento ao persoal que traballa na extinción e na protección dos bens e vidas humanas. A súa entrega e esforzo son fundamentais nun momento no que, por desgraza, os montes seguen a arder.
Desde Hábitat seguiremos contribuíndo a este debate con propostas, análises e accións que poñan no centro a defensa da biodiversidade, a restauración do territorio e a prevención real e efectiva dos incendios forestais.
Mapa incendios tempo real
• VIIRS 375 m / MODIS 1 km
Fuente: NASA LANCE/FIRMS (WMS/WMS-Time).

Leave A Comment