Este sábado foi a primeira actividade de Hábitat sen lixo. Asistimos 31 persoas para recoller o lixo que había na lagoa de Baldaio. Reunimos forzas entre Senda Nova, ADEGA e Ecoloxistas en Acción para traballar conxuntamente e limpar este espazo.

Na lagoa atopamos todo tipo de obxectos, desde material vinculado ás artes de pesca ata botellas de auga nunca abertas. Os máis frecuentes témolos na casa, como restos de xoguetes e de envases pero, sobre todo, elementos presentes no noso aseo, como bastoncillos, tapas de pasta dentífrica, algúns cepillos de dentes, un peite, un apósito adhesivo ou supositorios.

No interior da lagoa, podíase observar unha gran cantidade de residuos de moi diverso tamaño (dende bágoas de serea, de milímetros, ata caixas de froita de 1 metro). Sen embargo, a meirande parte dos residuos tiñan a mesma natureza, eran dalgún tipo de plástico. Incrible atopar un número tan alto de bastoncillos dos oídos, nun metro cadrado atopáronse todos os que se poden ver na foto. Un casco de seguridade, botellas, un cubo roto… non só na auga, senón tamén na zona de braña, onde se podía apreciar a varios metros de distancia un obxecto dunha cor amarela rechamante bastante grande. Ó acercarnos descubrimos que era unha bota de goma.

 

A xornada desenvolveuse nun día cunhas condición climatolóxicas envexables para a época do ano, o que nos permitiu pararnos a observar a flora das brañas e das dunas, así como pequenas medusas (Velella velella) na praia.

As máis abundantes, sorprendentes e complicadas de recoller foron as MILES de bágoas de serea ou  nurdles, pequenos pellets de plástico que se usan para fabricar obxectos, como xoguetes, envases ou aveños de aseo.

 

O resultado final foi o de encher 3 contenedores de lixo con 588 Kg de residuos, gracias ó grandísimo esforzo de todos os voluntarios e voluntarias que acudiron a ofrecer o seu tempo libre da mañá do sábado para colaborar por un Hábitat sen lixo.

Vémonos na seguinte acción de Hábitat sen lixo!!!