O pasado xoves, 12 de setembro, tivo lugar unha nova actividade no marco da iniciativa Hábitat Protexe. Nesta ocasión, da man da Dra. Pilar Díaz Tapia, investigadora da UDC, puidemos afondar no mundo das macroalgas, ampliando coñecementos sobre a diversidade de especies, morfoloxías, relevancia ecosistémica e demais aspectos de interese no eido da ficoloxía. Así mesmo, e grazas á colaboración da Universidade da Coruña que puxo a disposición os recursos do laboratorio, a xornada contou cun taller de identificación de exemplares de algas verdes, pardas e vermellas recolectadas polos docentes no curso, no cal os participantes, axudados por claves dicotómicas, lupas binoculares e microscopía, puideron ollar en detalle características morfolóxicas dalgunhas especies dos xéneros Bifurcaria, Ascophyllum, Codium, Ulva, Gelidium, Corallina, entre outros. Finalmente, as mostras recollidas permitiron tamén a observación directa de exemplares dos xéneros Asparagopsis, Colpomenia, Laurencia, Graciliaria, Plocamium, Heterosiphonia, Cystoseira, entre outros, que foron comentados en detalle pola docente permitíndonos gozar dunha estupenda clase maxistral. En conxunto, unha fermosa xornada da man de expertos e compañeiros de Hábitat, que agardamos poder repetir proximamente.

Coa achega económica recadada, froito das aportacións de socios e non socios de Hábitat, colaborarase novamente co traballo que desenvolve a Fundación Fragas do Mandeo, entidade que traballa a prol de crear un fondo de conservación da natureza na comarca de As Mariñas, adquirindo e custodiando parcelas de alto valor ambiental. As aportacións recibidas nesta xornada serán destinadas integramente a esta entidade, o que lle permitirá custodiar uns 400 m2 máis de bosque autóctono.

Vémonos na seguinte xornada de Hábitat Protexe para seguir axudando á conservación do noso patrimonio natural