Non deixa de abraiarnos o ben que foi acollida esta iniciativa de Hábitat Protexe. Outra vez fomos 50 persoas as que saímos a desfrutar das aves da man de Santiago Vázquez e de Pedro Cruzado na desembocadura do río Eume. Non foron moitas as especies que se deixaron ver, aínda que nos cadernos víanse anotadas unhas 20. Picapeixes (Alcedo atthis), mazaricos reais (Numenius arquata), mazaricos chiadores (Numenius phaeopus), biluricos patirrubios (Tringa totanus) ou biluricos claros (Tringa nebularia) foron algunhas das especies que puidemos observar nesta fermosa xornada.

Grazas a achega económica pola asistencia, colaborouse con BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, entidade traballa arreo na conservación do bosque atlántico, facendo fincapé nas Fragas do Eume. O recadado polos non socios irá destinado integramente a esta entidade de custodia que lle permitirá adquirir e conservar 1000 m2 de bosque autóctono a partir dese momento.

Animádevos tamén a participar con BETULA nas súas xornadas de voluntariado ambiental, colaborando así dunha forma máis activa ou a súas saídas divulgativas.

Vémonos na seguinte xornada de Hábitat Protexe para seguir axudando á conservación do noso!!