DSCN8086_result

O pasado domingo 28 de maio de 2017, e como colofón dos actos de celebración do IV aniversario da declaración da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo pola UNESCO, celebrouse a IV Maratón Ornitolóxica Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, organizada polo Grupo Naturalista Hábitat e a Reserva da Biosfera MCeTM, xunto con multitude de entidades colaboradoras.

Esta actividade lúdica consistiu en identificar por equipos o maior número posible de especies de aves silvestres dentro dos municipios da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, durante un máximo de 18 horas.

Como cambio salientábel respecto a edicións anteriores, este ano os equipos participantes puideron desprazarse ao longo de calquera dos 17 concellos que forman parte da Reserva de Biosfera, o que fixo moito máis competitiva e apaixonante a xornada, así como o reconto final, no que ata o derradeiro intre non se coñeceu o gañador.

En total participaron 9 equipos, cun total de 39 observadores. O equipo gañador foi o Equipo número 8, composto por Adrián Zas, Hugo Vázquez, Miguel Zas, Sandra Pérez e Cosme Damián Romay, como cabeza de equipo, cunha abraiante cifra de 86 especies avistadas e 104 puntos en total.

DSCN8081_result

Primeiro clasificado

Os resultados finais foron salientables, con 112 especies de aves detectadas en total, mesmo número que o ano anterior, pero o número de especies vistas por cada equipo foi moi superior a anos anteriores. Os equipos con maior número de especies vistas foron o Equipo 8 con 86 especies e o Equipo 3, con só unha menos, que acadou o segundo posto na clasificación con 101 puntos. O terceiro posto recaeu no Equipo 5 con 83 especies e 99 puntos. Resultados moi axustados que mostran a gran competencia que houbo na xornada.

DSCN8077_result

Segundo clasificado

DSCN8073_result

Terceiro clasificado

Este é o resumo das cifras por equipos:

Equipo Nº Especies Puntuación
Equipo 08 86 104
Equipo 03 85 101
Equipo 05 83 99
Equipo 07 71 77
Equipo 01 62 70
Equipo 09 43 45
Equipo 02 41 41
Equipo 06 34 34
Equipo 04 26 26
Total especies 112

Consulta aquí a lista completa de observacións por especie e Equipo.

Os equipos que acadaron os tres primeiros postos foron obsequiados cun lote de produtos cortesía da Reserva de Biosfera, así como cun diploma acreditativo da súa participación. Tamén houbo un pequeño agasallo para todos os participantes máis novos, independentemente do equipo no que participasen, entregándoselles un caderno de campo e un pin conmemorativo do Proxecto Noucho do G.N.Hábitat.

A nosa noraboa aos gañadores, e o noso máis sincero agradecemento a tódolos participantes polo seu esforzo, e por facer que cada ano siga a medrar a paixón polas aves da nosa contorna.

Vémonos na seguinte maratón!!