O pasado domingo 18 de decembro celebramos novamente o noso xa célebre CoruñAves: VIII maratón ornitolóxica no Concello da Coruña. Como todos os anos resultou nunha fermosa xornada en contacto coa natureza, tanto pola meteoroloxía -que quixo estar do noso lado cun estupendo día soleado- como pola compaña dos 31 participantes que viñeron connosco a gozar das aves. Nesta maratón o que non corre, voa!
Os 8 equipos formados acadaron un total de 74 especies de aves observadas ao longo da mañá, sen saír do concello da Coruña. Estas cifras fan patente a realidade da riqueza ornitolóxica presente na nosa contorna máis próxima, que agarda a ser descuberta por todo aquel que levante a vista e preste atención ao seu redor.
Deixamos para a vosa consulta o listado de especies detectadas na xornada polos diferentes equipos:
Á listaxe anterior súmanse dúas especies máis -Mobella pequena (Gavia stellata) e Falcón peregrino (Falco peregrinus)- que foron tamén detectadas ao longo da xornada pero observadas unicamente polos cabezas de equipo e non polo resto de compoñentes, polo que non se consideraron para o reconto de puntuacións segundo o especificado nas bases reguladoras.
Dende Hábitat dámoslle a noraboa ao equipo gañador, e o noso máis sincero agradecemento a todos os participantes que viñeron connosco. Confiamos en que o pasarades tan ben coma nós e…Agardámosvos na seguinte actividade!
E por último, dámoslle as grazas ao concello da Coruña e Foto Artús, pola súa implicación na actividade, e a Swarovski Optik, quen en xornadas anteriores á maratón cedeu material que puidemos incorporar como agasallo para o equipo gañador.


Leave A Comment