Comprácenos comunicarvos que xa está dispoñible o calendario 2017 do G.N.Hábitat, que xorde como resultado das obras gañadoras na IV convocatoria do Certame de Debuxo da Natureza Vida silvestre do encoro de Cecebre, bautizada baixo o subtítulo de “Parellas naturais”.
Todos os gañadores neste certame que queiran recoller o exemplar impreso co que lles queremos agasallar, poden poñerse en contacto con Hábitat (habitat@gnhabitat.org / 981 135 014) para xestionar a súa entrega. No día do acto de entrega de premios, previsto para o vindeiro ano, entregaranse aqueles exemplares que non fosen recollidos previamente polos gañadores.
De todos os xeitos, dende Hábitat, comprometidos coa divulgación ambiental, queremos facer novamente que esta publicación sexa accesible a todo aquel que a queira ter, podendo gozar das ilustracións e textos que a compoñen, polo que poñemos a disposición de todos os interesados a posibilidade da súa descarga gratuita (formato .pdf) dende a seguinte ligazón:
Descarga do Calendario 2017
Dende Hábitat seguimos traballando na preparación da exposición pública de todas as obras achegadas nesta convocatoria (131 ilustracións), agardando que proximamente poda estar aberta ao público na sala de exposicións de Emalcsa (rúa Manuel Murguía, s/n. Edificio Casa del Agua, planta baixa. 15011, A Coruña). Unha vez lista, comunicaremos a súa apertura na nosa web e redes sociais, así como de xeito directo a todos os participantes no certame. Así mesmo, como todos os anos traballamos tamén na organización do acto de entrega de premios, cuxa data definitiva será tamén anunciada polas canles de comunicación citadas anteriormente.
O debuxo como ferramenta para a implicación cidadá no contacto coa súa contorna natural. Esta é a finalidade principal do Certame de Debuxo da Natureza, que un ano máis vimos de organizar dende o Grupo Naturalista Hábitat da man de Emalcsa.
Moitas grazas a todos os participantes!
Colabora:

Leave A Comment