Velaquí a vindeira actividade no marco da nosa iniciativa “Falando de natureza”. Nesta ocasión faremos unha viaxe imaxinaria ata Ourense, para falar da que ata 1958 foi unha das lagoas máis extensas da Península Ibérica: a lagoa de Antela. Esta zona húmida non existe coma tal na actualidade, e os seus antigos terreos destínanse hoxe día ao cultivo de cereal e pataca, fundamentalmente. Así e todo existen propostas que pretenden restaurar arredor de 1.200 ha de lagoa, que acubillarían importantes valores naturais e culturais, sendo preciso para isto desbloquear os procesos lacustres interrompidos polas intervencións humanas, de cara á restauración ecolóxica desta contorna.

E para falarnos desta proposta teremos connosco a Diego Rodríguez Vieites, quen redactou o proxecto no marco do Máster Universitario en Restauración de Ecosistemas (título oficial das Universidades de Alcalá -institución coordinadora-, Complutense, Politécnica e Rey Juan Carlos). Biólogo e ornitólogo, Diego traballa hoxe día como Consultor Ambiental para administracións e empresas, tendo participado en diversos proxectos de restauración como o das Dunas de Fontaíña e Baluarte, no Programa Life Regenera Limia, ou nas Areeiras de Sandiás, entre outras accións.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o mércores 08 de outubro, ás 20:00h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña: ver localización no mapa). Para a asistencia e participación neste formato presencial é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:.

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Agradécese a asistencia do público no local, xa que teremos a sorte de contar connosco ao relator na xornada. Así e todo, se non te podes achegar ou se quedasen as prazas cubertas, tamén poderás conectar libremente ao directo a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen recibidas.

Podes seguir o directo na nosa canle de Youtube:

E tamén:

 

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Agardámoste!