A Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), coa colaboración da Deputación da Coruña, organiza os días 30 de xuño e 1 de xullo do 2025 unhas xornadas dedicadas ao coñecemento e posta en valor das plantas silvestres comestibles, baixo o título Plantas Comestibles da nosa terra. A actividade desenvolverase na Fundación Luis Seoane (r/ San Francisco, 27, A Coruña) e incluirá conferencias, unha saída de campo e unha degustación.

O obxectivo destas xornadas é achegar á cidadanía a riqueza do noso patrimonio etnobotánico, poñendo o foco nas especies vexetais silvestres comestibles presentes en Galicia, os seus usos tradicionais e o seu potencial na actualidade, sempre dende unha perspectiva de respecto ao medio e á biodiversidade.

Desde o Grupo Naturalista Hábitat colaboramos activamente nestas xornadas da man das nosas compañeiras Tamara Nogueira Estévez e Elia Pérez Taboada, contribuíndo a poñer en valor o coñecemento ecolóxico e cultural das plantas do noso territorio.

Programa:

30 de xuño – Fundación Luis Seoane (A Coruña):

  • 17:00 – 17:15 h: Inauguración.
  • 17:15 h: “Unha ollada á etnobotánica de Galicia”. – Elia Pérez.
  • 18:15 h: “Plantas silvestres comestibles: tesouros aos nosos pés”. – Tamara Nogueira.

1 de xullo – Torre de Hércules (A Coruña):

  • 17:00 h: Saída de campo: “Plantas comestibles por la Torre de Hércules”.
  • 19:00 h: Degustación de plantas silvestres comestibles.
  • 19:30 h: Peche da xornada.

A participación é gratuíta, mais as prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a galiciasa@uimp.es.

Unha oportunidade única para redescubrir o valor alimentario das plantas que medran ao noso redor e conectar saber tradicional, ciencia e sustentabilidade nunha contorna privilexiada.