Velaquí unha nova proposta no marco dos nosos Encontros Naturalistas, onde aproveitaremos a ilustración como ferramenta para achegarnos ao coñecemento da nosa flora e fauna. Serán dúas quendas nas que gozar en grupo dun ratiño de conversa ambiental, namentres poñemos en práctica o debuxo de natureza.

Tódolos participantes que desexen acudir poderán facer cadanseus bosquexos, seguindo as instrucións e consellos que serán impartidos. O material necesario para gozar das actividades será posto a disposición polo G.N.Hábitat, non sendo preciso que os asistentes se acheguen con máis cousas que ganas de debuxar e de pasar un rato agradable. Así e todo, quen teña e desexe traer o seu propio material de ilustración, poderá facelo.

O fío condutor destas dúas xornadas será o “XI Certame de Debuxo da Natureza” que temos organizado, e cuxa participación está aberta ata o vindeiro 31 de xullo. As 16 especies silvestres que acubilla esta nova convocatoria do certame serán os modelos destas xornadas de ilustración. En cada sesión, compañeir@s do G.N.Hábitat darán as explicacións necesarias para o coñecemento do certame e presentarán ás 16 protagonistas, logo do cal comezará o tempo libre para o debuxo. As obras que non queden rematadas ao longo destas sesións poderán levarse para casa, para que cada autor/a as termine antes do prazo límite establecido para a participación no evento (luns, 31 de xullo, ás 14h).

As xornadas, de balde e abertas ao público de calquera idade, terán lugar o venres 14 e o luns 17 de xullo do 2023, en horario de 16:30 a 18:30h cada sesión, e se desenvolverán no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-). Os interesados en participar poderán anotarse a unha única quenda, ou inscribirse nas dúas datas establecidas. Así e todo, para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Achégate a debuxar connosco!