Velaquí unha nova proposta no marco dos nosos Obradoiros ambientais, onde aproveitaremos a ilustración como ferramenta para achegarnos ao coñecemento da nosa flora e fauna. Serán dúas quendas nas que gozar en grupo dun ratiño de conversa ambiental, namentres poñemos en práctica o debuxo de natureza. Tódolos participantes que desexen acudir poderán facer cadanseus bosquexos, seguindo as instrucións e consellos que serán impartidos. O material necesario para gozar das actividades será posto a disposición polo G.N.Hábitat, non sendo preciso que os asistentes se acheguen con máis cousas que ganas de debuxar e de pasar un rato agradable. Así e todo, quen teña e desexe traer o seu propio material de ilustración poderá facelo.

O fío condutor destes dous encontros será o “XII Certame de Debuxo da Natureza” que temos publicado recentemente, e cuxa participación está aberta ata o vindeiro 4 de outubro do 2024. As 16 especies silvestres que acubilla esta nova convocatoria do certame serán os modelos para estas xornadas de ilustración. En cada sesión, compañeir@s do G.N.Hábitat darán as explicacións necesarias para o coñecemento do certame e presentarán a tódalas protagonistas, logo do cal comezará o tempo libre para o debuxo. As obras que non quedasen rematadas ao longo destas xornadas poderán levarse para casa, coa intención de que cada autor/a as termine antes do prazo límite establecido para a participación no certame.

Os obradoiros, de balde e abertos ao público de calquera idade, terán lugar o mércores 17 de xullo do 2024, en horario de 11:30 a 13:30h (1ª quenda) e de 16 a 18h (2ª quenda). Os interesados poderán anotarse a unha ou ás dúas quendas, segundo o seu interese. Os obradoiros se desenvolverán no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-). Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

 

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Achégate a debuxar connosco!