O próximo xoves 24 de outubro achegarémonos a área recreativa de Gabenlle, no concello de A Laracha para facer o derradeiro obradoiro para escolares do proxecto “Vixías dos nosos ríos”. O estudantado de 1º da ESO do CPI O Cruce de Cerceda avaliará o estado ecolóxico do río Anllóns, poñendo en práctica o aprendido na charla previa para coñecer a metodoloxía deste proxecto de ciencia cidadá.
As alumnas e alumnos medirán a calidade do bosque de ribeira, o estado químico da auga, e por último o estado ecolóxico a partir da identificación dos macroinvertebrados bioindicadores. Os resultados destes indicadores recollidos servirán para poñerlle nota ao estado de conservación do Anllóns e detectar posibles impactos.
Este obradoiro desenvólvese no marco de “Vixías dos nosos ríos”, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.
Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org│639 13 16 88

Leave A Comment