O mércores 23 de outubro imos levar a cabo unha nova sesión de voluntariado ambiental dentro do noso proxecto “Vixías dos nosos ríos”. Ímonos achegar a Carral, ao río Brexa, e coa colaboración da Asociación de Custodia do Territorio Brexa imos intentar combatir unha das maiores ameazas dos nosos ríos, as especies exóticas invasoras.

Nesta contorna aparecen ata 13 especies problemáticas, entre elas o Cyperus eragrostis, a Crocosmia x crocosmiiflora ou a Tradeschantia fluminensis. A presenza destas especies ameaza unha contorna que, en previos obradoiros, obtivo unha puntuación do bosque de ribeira (índice IQBR) de 80, recoñecendo o seu bo estado de conservación a pesares dos claros impactos presentes. No mesmo sentido, en canto ao índice de macroinvertebrados, o resultado obtido foi de 125; un estado ecolóxico bo.

A forte industrialización da zona afecta de forma moi directa ao río Brexa. Mediante a redución da especies exóticas invasoras estamos dando unha oportunidade ao bosque de ribeira de expandirse e mellorar o seu estado ecosistémico.

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o mércores 23 de outubro do 2024, de 15:30h a 18:00h. Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.

Este voluntariado ambiental encádrase no programa de actividades de “Vixías dos nosos ríos, un proxecto do Grupo Naturalista Hábitat subvencionado por Augas de Galicia.

Dúbidas e comentarios en vixiasrios@gnhabitat.org│639 13 16 88

Agardámoste!