Velaquí unha nova proposta dos nosos obradoiros ambientais! Nesta ocasión queremos convidarte a descubrir o mundo que pasa máis desapercibido. Ao longo do obradoiro, axudados de lupas e microscopio, ollaremos de preto as sorprendentes estruturas ocultas da natureza, prestando atención ás ás das bolboretas, a nervadura das follas, o plumaxe das aves, ou as mandíbulas das vacalouras, entre outras. Unha oportunidade estupenda para aprender a mirar á natureza con outros ollos, pensada tamén para os máis cativos!

A xornada, de balde e aberta ao público, terá lugar o martes, 16 de xuño do 2026, ás 17:30h, no local social do Grupo Naturalista Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña: ver localización no mapa). Para a asistencia e participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:

As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza nas actividades ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org981 135 014

Apúntate e acompáñanos nesta aventura microscópica!