Dende o ano pasado, o 2019, vimos de incidir moito na labor que fan as entidades de Custodia do Territorio na conservación do noso Patrimonio Natural Galego. Para custodiar o territorio hai varias formulas: mercar, arrendar, … e hai unha que é realmente perfecta para custodiar pequenos espazos da nosa riqueza natural, as microrreservas. Esta é unha forma de custodia que emprega a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) para conservar dous tipos de flora: a flora serpentínica da Serra do Careón con especies endémicas, únicas no mundo, e as orquídeas e outras especies ameazadas ligadas aos afloramentos calizos do Courel (ZEC Os Ancares-O Courel).

Na Serra do Careón hai afloramentos de rochas serpentínicas que deron lugar a especies endémicas, que soamente as podemos atopar neste lugar. Por este motivo, dado o excepcional desta flora, a AGCT custodian 8,7 hectáreas. Na súa páxina web está toda a información sobre esta microrreserva e o especial da súa flora (Flora serpentínica da Serra do Careón). Para recadar recursos para a xestión desta microrreserva crearon no 2019 un crowfunding para recadar fondos, con ilustracións de Mariana Roura das tres especies endémicas e ameazadas deste espazo. Preme na seguinte imaxe para axudar á súa conservación.

Acceso á web

No ZEC Os Ancares-O Courel, a AGCT ten 4 microrreservas, cuxo obxectivo principal é a conservación das poboacións de orquídeas e especies incluídas dentro do Catálogo Galego de Especies Ameazadas a través da restauración dos hábitats pratenses e rochosos da zona, así como da divulgación dos seus valores naturais. Na súa páxina web podedes ver todas as características dos catro espazos: especies presentes de flora e fauna, dimensións, etc. (Microrreservas da Serra do Courel).

O próximo sábado, 18 de xullo do 2020, ás 19:30h, Martiño Cabana, biólogo e Tesoureiro da AGCT, contaranos máis sobre estas microrreservas, as especies de flora que alí custodian e todo o traballo que están a facer para poder levar a cabo están gran labor na conservación do Patrimonio Natural Galego.

A emisión desta conferencia será en directo. Se estás interesado en participar como público poderás conectar libremente a través das nosas canles Facebook ou YouTube, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia un moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas, léndoas en directo aos relatores.

Ademais, este mesmo día, 18 de xullo, dende a AGCT visitarán os endemismos da Serra do Careón. Unha oportunidade única para ver todo o traballo que se está a facer na conservación deste espazo. Máis información na páxina web da AGCT.

Como ben sabedes dende o G.N.Hábitat, temos unha web especial, “O Faiado de Hábitat Protexe”, para recadar fondos que son destinados integramente para entidades de Custodia do Territorio, para elas e que sigan traballando na conservación dos espazos naturais que custodian e teñen en propiedade. 

No seguinte enlace tedes dispoñibles os materiais e experiencias propostas por diferentes persoas que ofrecen o seu tempo e posesións para que vós podades obtelos e así entre tod@s contribuír a este obxectivo común.

O Faiado de Hábitat Protexe

Tamén podes colaborar doando materiais que podan ser poxados para recadar fondos para as entidades de custodia do territorio que traballan para conservar o noso Patrimonio Natural. Se estás interesad@, podes poñerte en contacto  con nós en habitat@gnhabitat.org.

Podes seguirnos na nosa canle de Youtube:

E tamén:

Directo na nosa páxina de Facebook

 

 

Agardámoste!

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014