Continuamos cos nosos Encontros Naturalistas en formato virtual. Desta volta, cunha xornada moi especial en conmemoración do Día Mundial das Abellas. Foi no pasado ano 2017, cando a Asemblea Xeral das Nacións Unidas acordou establecer o 20 de maio como data para celebrar o Día Mundial das Abellas, co obxectivo de xerar conciencia sobre a importancia dos polinizadores, as ameazas ás que se enfrontan, e a súa contribución ao desenvolvemento sustentable. 

Son moitas as especies de polinizadores (insectos, aves, e mesmo mamíferos) que hoxe día ven comprometida a supervivencia das súas poboacións. Prácticas agrarias intensivas, cambios de uso ou destrucción do seu hábitat, praguicidas, entre outros, forman parte dunha longa listaxe de factores que afectan negativamente á súa conservación, sendo o das abellas uns dos casos máis críticos. Mais, por que son tan esenciais ? Pensemos nun dos procesos que depende do seu traballo incansable: a polinización. Fundamental para o mantemento da vida na terra, a polinización fai posible a produción de froitos e sementes, do que tanto proveito sacamos. Abellas e demais polinizadores actúan como transmisores do prezado pole, que impregnado nos seus corpos permitirá a reprodución cruzada nas plantas con flor. De incalculable repercusión ambiental, social e económica, a polinización (e por tanto a conservación das especies que a fan posible) resulta esencial nos nosos ecosistemas, e para as nosas propias vidas.

E para falarnos deste apaixoante mundo, contaremos coa compañeira Elia Pérez. Licenciada en Bioloxía, con Máster en biodiversidade (centrado no eido da Lepidopteroloxía), Elia ten participado en diferentes xornadas e congresos, entre os que destaca o Congreso Español de Entomoloxía do ano 2015, no cal expuxo o seu estudo “Influencia de las carreteras A-4 y R-4 en los lepidópteros de la Reserva Natural “El Regajal-Mar de Ontígola”. Apaixoada das bolboretas, o seu espírito naturalista e inquedo fíxolle estender o seu interese e coñecementos noutras especies de insectos alados, como é o caso das fermosas abellas. Da súa man faremos unha introdución a este grupo, descubrindo algún dos seus segredos.

A emisión desta conferencia será en directo, o mércores 20 de maio ás 19h. Se estás interesado en participar como público poderás conectar libremente a través das nosas canles Facebook ou YouTube, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia un moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas, léndoas en directo ao relator.

Podes seguirnos na nosa canle de Youtube:

E tamén:

Directo na nosa páxina de Facebook

 

 

Agardámoste!