A previsión meteorolóxica non nos permitiu levar a cabo esta actividade o pasado domingo, máis velaquí un novo intento para desenvolver esta nova xornada no Monte da Fraga, organizada da man da Oficina de Sustentabilidade (OdS) da Universidade da Coruña no marco do XI Outubro UDC Saudable. Tal e como tiñamos previsto, guiados polas explicacións do compañeiro e avezado fotógrafo Juan del Río, introducirémonos no apaixonante mundo da fotografía de natureza. Coñeceremos as nocións básicas para dar os primeiros pasos neste eido (equipamento, configuracións, consellos prácticos, entre outros), e faremos especial fincapé no aproveitamento da xornada a través da experiencia práctica, procurando que os asistentes poidan sacarlle o mellor rendemento aos seus dispositivos á hora de retratar a fauna, flora e hábitats naturais, xa sexa empregando unha cámara fotográfica convencional ou mesmo co seu teléfono móbil.
A actividade, de balde e aberta ao público, terá lugar o domingo, 26 de outubro do 2025, de 10:30 a 13:30h. Será unha xornada teórico-práctica en campo, movéndonos pola contorna do Monte da Fraga. Para a participación na actividade é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat, a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Novamente, no caso de que a previsión meteorolóxica na data establecida non permita desenvolver a xornada de manera axeitada no campo, a actividade poderá trasladarse de data ou de espazo. Esta circunstancia será avaliada polos organizadores e, de ser o caso, informarase do aprazamento vía email aos inscritos.
A xornada establece un recoñecemento de créditos para estudantes de grao da UDC: 3h (1c por cada 10h de participación en actividades da OdS).
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán vía email a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios: inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!

Leave A Comment