Velaquí unha estupenda ocasión para achegarte á flora e fauna silvestres da contorna da Torre de Hércules a través do debuxo! A xornada, organizada da man do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, estará impartida polo recoñecido debuxante e ilustrador da natureza, Calros Silvar, a quen lle acompañarán avezados naturalistas e compañeiros do G.N.Hábitat.
Calros Silvar – Ilustrador. Deseñador de produto, Grupo Sargadelos (1981-2010). Especializado en ilustración da natureza, temática na cal traballou para Baía Edicións (colección Baía Verde, de Guías da Natureza de Galicia), A Nosa Terra (autor da colección A Nosa Natureza, entre outras), Siruela e Tundra Ediciones, tendo desenvolvido así mesmo numerosos obradoiros de ilustración da natureza ao longo da súa traxectoria – https://www.behance.net/calrossilvar
Na actividade, eminentemente práctica, os asistentes terán ocasión de aprender as técnicas e recomendacións básicas para dar os primeiros pasos no mundo da ilustración da natureza, unha fermosa aliada para o coñecemento da nosa biodiversidade. Todos os participantes poderán facer cadanseus bosquexos, seguindo as instrucións e consellos que se serán impartidos ao longo da mañá.
O material necesario para gozar da actividade será posto a disposición polos organizadores, non sendo preciso que os asistentes se acheguen con máis cousas que ganas de debuxar e pasar un ratiño agradable. Así e todo, quen teña e desexe traer o seu propio material de ilustración poderá facelo.
De xeito preferente se procurará celebrar a actividade ao aire libre, a carón da Torre de Hércules. Opcionalmente, no caso de que a previsión meteorolóxica non permita garantir unhas condicións axeitadas para desenvolver a actividade en campo (sen choiva nin rachas de vento), e co obxectivo de non ter que cancelar o encontro, a xornada se poderá trasladar ao local social do Grupo Naturalista Hábitat. Esta circunstancia será debidamente informada vía email aos participantes confirmados na actividade, debendo estar pendentes de calquera notificación/actualización respecto do punto de encontro para o desenvolvemento da actividade.
A xornada terá lugar o vindeiro domingo, 17 de agosto do 2025, de 10:30 a 13:30h, sendo de balde e aberta ao público (especialmente recomendada para maiores de 15 anos). Así e todo, para a participación é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade. O desprazamento ata o punto de desenvolvemento da actividade (que virá especificado no email de confirmación de praza) será resolto polos propios asistentes.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Achégate a debuxar connosco!

Leave A Comment