Este sábado, 20 de agosto do 2022, teremos o terceiro bloque do II Curso Práctico de Entomoloxía centrado en Odonatos. Este bloque realizarase nunha xornada de todo o día da man de Martiño Cabana, compañeiro do G.N.Hábitat e actual Vicepresidente da Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT). Biólogo vencellado ao GIBE (Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva) da Universidade da Coruña, onde está a desenvolver a súa Tese de doutoramento sobre a distribución e conservación dos anfibios e réptiles de Galicia. Ao mesmo tempo, é Coordinador do Atlas de anfibios e réptiles de Galicia, e do Atlas de libélulas de Galicia.
Este bloque do II Curso Práctico de Entomoloxía: Odonatos dividirase en tres sesións: unha teórica e dúas prácticas:
Charla: Sábado, 20 de agosto, de 10:30 a 11:30h, terá lugar a charla teórica na Casa das Insuas (Rábade), onde Martiño introducirá as principais especies de libeliñas e as técnicas para o seu estudo.
Saída práctica: Sábado, 20 de agosto, 11:30h a 17:30h, realizarase unha saída nas Insuas do MIño (Rábade) para observar libeliñas e aprender a diferencias as principais especies.
Taller práctico: Sábado, 20 de agosto, de 17:30 a 18:30h, terá lugar un taller práctico de introdución á identificación de exuvias de odonatos.
Este curso está dirixido a estudantes e naturalistas entusiastas. Así e todo, para a participación en calquera delas é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado. As prazas son limitadas. Ao rematar o curso entregarase un certificado de asistencia e aproveitamento co número de horas teóricas e prácticas recibidas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación.
Tes ata o xoves, 19 de agosto do 2022, ás 14h para inscribirte!!
Este curso ten un custo de:
- Socios/as G.N. Hábitat: 8 €
- Adultos/as (maiores de 14 anos): 15 €
O importe recadado deste bloque irá destinado INTEGRAMENTE a Asociación Galega de Custodia do Territorio, constituída en Rábade (Lugo) e que conta hoxe día con múltiples acordos na xeografía galega, valéndose sempre da custodia do territorio como ferramenta para a conservación e recuperación do patrimonio natural.
Non perdades esta oportunidade!! É unha ocasión especial para aprender e familiarizarse coas especies de odonatos e a súa identificación.
Anímate a descubrir o mundo dos odonatos con nós!!

Leave A Comment