Por varios motivos, temos que aprazar este bloque do II Curso Práctico de Entomoloxía centrado nas abellas silvestres. As novas datas serán o 16 e 17 de setembro do 2022. Este bloque seguirá da man de Alberto Uría, naturalista asturiano e apicultor apaixonado polas abellas, non soamente as da mel (Apis mellifera), senón tamén das silvestres. Aplica técnicas apícolas responsables co medio natural e co resto de abellas nas colmeas que ten colocadas entre Ibias e Degaña (Ibias e Negueira de Muñiz, Lugo). É o impulsor de “El País del Abeyeiro”, un centro de interpretación da apicultura tradicional e educación ambiental da zona e dos polinizadores silvestres, onde organiza todo tipo de xornadas, saídas á natureza ou actividades de recuperación do patrimonio, ademais de repartir o seu tempo con charlas e cursos por toda España.
Este bloque do II Curso Práctico de Entomoloxía: Abellas Silvestres dividirase en dúas xornadas: cunha sesión teórica e dúas practicas:
Charla e taller práctico de identificación: Venres, 16 de setembro, de 18h a 21h, terá lugar no local social do G.N.Hábitat cunha charla teórica de introdución a estes insectos, datos interesantes da súa bioloxía e da súa ordenación taxonómica, e unha segunda parte será unha práctica para introducir á identificación das principais familias de abellas.
Saída práctica: Sábado, 17 de setembro, de 10:30h a 13:30h, realizarase unha saída no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Abegondo) para poñer en práctica todos os coñecementos adquiridos o día anterior.
Este curso está dirixido a estudantes e naturalistas entusiastas. Así e todo, para a participación en calquera delas é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do formulario habilitado. As prazas son limitadas. Ao rematar o curso entregarase un certificado de asistencia e aproveitamento co número de horas teóricas e prácticas recibidas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación.
Tes ata o xoves, 15 de setembro do 2022, ás 18h para inscribirte!!
Este curso ten un custo de:
- Socios/as G.N. Hábitat: 8 €
- Adultos/as (maiores de 14 anos): 15 €
O importe recadado deste bloque irá destinado INTEGRAMENTE á Asociación Corripa, asociación constituída no ano 2018, que ten a súa sede nunha aldea de Robledo, no municipio de Negueira de Muñiz (Lugo), e que traballa pola Conservación do medio ambiente, da Biodiversidade e o mundo rural, fomentando os estudos de flora e fauna silvestres, promovendo o voluntariado e dando a coñecer ó mundo rural e o respecto polo medio natural.
Non perdades esta oportunidade!! Anímate a descubrir o mundo das abellas silvestres con nós!!

Leave A Comment