domingo, 17 de maio do 2020, ás 19:00h  terá lugar a unha actividade de Hábitat Protexe, pero nesta ocasión debido ao confinamento vai ser diferente, será online. Imos falar con Fernando Bandín, presidente da Fundación Fragas do Mandeo (FFM), entidade fundada no 2010 có obxectivo adquirir e custodiar parcelas de alto valor ambiental en As Mariñas (A Coruña), en especial no espazo natural protexido ZEC Betanzos-Mandeo. Actualmente, FFM ten en custodia 268.340 m2, en lugares como o Monte da Espenuca (Coirós), a Lagoa de Sobrado (Sobrado dos Monxes) ou ribeiras de ríos coma o Mandeo (Aranga) ou o Mendo (Oza-Cesuras). Na charla tamén intervirán voluntarios da Fundación: Estela Vázquez e unha familia composta por: Ignacio Aparicio, María del Pilar Castro e os fillos de ambos, Mariña e Martín; que nos falarán das súas experiencias colaborando coa entidade.

A emisión desta conferencia será en directo. Se estás interesado en participar como público poderás conectar libremente a través das nosas canles Facebook ou YouTube, e facer as túas consultas por escrito a través destas mesmas redes. Rematada a conferencia un moderador dará paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen enviadas, léndoas en directo aos relatores.

Temos unha novidade neste Hábitat Protexe. Como xa sabedes esta iniciativa naceu para dar a coñecer a labor que fan as entidades de custodia do territorio, pero tamén para recadar fondos para elas e que sigan traballando na conservación dos espazos naturais que custodian e teñen en propiedade. Así, xurdiu a idea de “O Faiado de Hábitat Protexe”, no que persoas relacionadas co G.N.Hábitat, con outras entidades ambientais ou de custodia, cedesen materiais relacionados co naturalismo e que saísen a poxa para que os fondos recadados, ao adquirir estes materiais, fosen destinados INTEGRAMENTE para a conservación da natureza da man destas entidades. É algo novo, que desexamos que teña éxito, porque sabemos da necesidade que teñen os nosos espazos para a súa conservación. 

No seguinte enlace tedes dispoñibles os materiais e experiencias propostas por diferentes persoas que ofrecen o seu tempo e posesións para que vós podades poxar por eles e así entre tod@s contribuír a este obxectivo común.

Enlace a O Faiado de Hábitat Protexe

 

Ao longo desta semana poderedes poxar por unha serie de artigos relacionados co naturalismo galego e experiencias naturalistas para recadar fondos para unha entidade de custodia do territorio galega: F. Fragas do Mandeo. Tedes ata o domingo, 17 de maio, e tras a charla do mesmo día, comunicaremos os nomes das persoas que poxaron ca cantidade máis elevada e que podrán desfrutar dese material sabendo que gracias a el axudaron a conservar un pedazo de natureza. Soamente poden participar maiores de idade.

Tamén podes colaborar doando materiais que podan ser poxados para recadar fondos para as entidades de custodia do territorio que traballan para conservar o noso Patrimonio Natural. Se estas interesad@, podes poñerte en contacto  con nós en habitat@gnhabitat.org.

Podes seguirnos na nosa canle de Youtube:

E tamén:

Directo na nosa páxina de Facebook

 

 

Agardámoste!

Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014