Velaquí unha xornada moi especial da nosa iniciativa “Falando de natureza”. Nesta ocasión, tal e como anunciamos o pasado mes de marzo, presentaremos os resultados do Traballo Fin de Mestrado (TFM) de Iago Cruz Quintás. Un estudo dirixido polos investigadores e docentes Sergio Rodríguez Roiloa (Universidade da Coruña) e Jonatan Rodríguez Parra (Universidade de Santiago de Compostela), que tivo por obxectivo analizar as interaccións planta-herbívoro en hábitats invadidos polo Carpobrotus. A presenza de especies introducidas pode levar parello cambios nas interaccións que se establecen entre as distintas especies dunha comunidade, afectando a patróns de competencia, consumidor-recurso ou polinización, entre outros. En particular, este TFM procurou avaliar o efecto da herbivoría do caracol Theba pisana (nativo no sur de Europa) sobre o Carpobrotus, e as súas potenciais consecuencias na produción de sementes.
A investigación encadrouse no desenvolvemento do Máster universitario en biodiversidad terrestre: caracterización, conservación y gestión (título interuniversitario no que participan as Universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela), co que xa colaboramos en anos anteriores dende o G.N.Hábitat. O traballo realizado tivo en conta -entre outras- diversas localizacións da contorna da Torre de Hércules na súa área de estudo, sendo espazos nos que Hábitat leva desenvolvidas numerosas accións de retirada desta especie invasora nos últimos anos, da man do voluntariado ambiental.
A xornada, de balde e aberta ao público, que terá lugar o vindeiro mércores, 15 de novembro, ás 20:30h, no local social do G.N.Hábitat (rúa Camariñas 8, baixo. 15002, A Coruña –ver localización no mapa-). Para a asistencia e participación presencial é imprescindible a reserva de praza (inscrición previa) a través do seguinte formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigorosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado na inscrición.
Agradécese a asistencia do público no local, xa que teremos a sorte de contar connosco aos protagonistas desta investigación. Así e todo, se non te podes achegar ou se quedasen as prazas cubertas, tamén poderás conectar a través das nosas canles nas redes sociais, e facer as túas consultas por escrito. Rematado o faladoiro daremos paso a un breve tempo de preguntas, atendendo na medida das posibilidades a todas aquelas que fosen recibidas.
Podes serguir o directo na nosa canle de Youtube:
E tamén:
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Agardámoste!

Leave A Comment