Queremos presentarvos a “Hábitat sen lixo”, un nome baixo o cal o Grupo Naturalista Hábitat vai englobar as iniciativas que se fagan de retirada de residuos nos nosos espazos naturais.
A primeira cita con este novo nome terá lugar na contorna da Lagoa e praia de Baldaio (Carballo) e contaremos coa colaboración de Senda Nova, ADEGA, Ecoloxistas en Acción e do Concello de Carballo. Este espazo actualmente ten un problema con plásticos, sobre todo, na lagoa e, dende o G.N.Hábitat e todas estas entidades que colaboran na actividade, queremos poñer o noso gran de area para dar visibilidade e concienciar do impacto dos plásticos nos nosos ecosistemas, ademáis de intentar minimizalo co noso traballo ese día.
A xornada é de balde e aberta ao público e terá lugar o vindeiro sábado, 22 de febreiro, de 10 a 13h. Así e todo, para a participación é imprescindible a inscrición previa a través do formulario habilitado:
As prazas son limitadas. Seguirase unha rigurosa orde de inscrición ata completar o máximo de participación. O feito de cubrir o formulario non asegura praza na actividade ata non recibir confirmación por parte do G.N.Hábitat a través do correo electrónico achegado.
Todos os participantes que sexan confirmados vía email contarán cun seguro de accidentes e responsabilidade civil durante o desenvolvemento da xornada, e recibirán a información e recomendacións que sexan precisas para poder gozar da actividade.
Prégase seriedade e compromiso na asistencia ás actividades. Se unha vez confirmada a túa praza non puideras acudir, infórmanos da situación á maior brevidade posible, farás que outra persoa poda gozar da xornada.
Dúbidas e comentarios en inscricion@gnhabitat.org│981 135 014
Anímate e ven connosco!

Leave A Comment