Comprácenos anunciar a nosa presenza na Feira do Libro da Coruña 2019, que se instalará na contorna dos Xardíns de Méndez Núñez da cidade do 1 ao 11 de agosto. A nosa breve cita será o sábado 3 de agosto ás 19h, onde convidados polo Consorcio Editorial Galego acudiremos á sinatura do libro “VIDA SILVESTRE DEL EMBALSE DE CECEBRE – DIBUJANDO LA NATURALEZA”, do que Hábitat é coautor xunto coa Empresa Municipal Aguas de La Coruña (EMALCSA).
Neste ratiño na feira, que teremos o orgullo de compartir co compañeiro Calros Silvar, recoñecido debuxante e ilustrador da natureza, autor da portada e prólogo da obra, aproveitaremos para saudar a todos aqueles que quierades achegarvos e dedicarvos o libro.
Agardámosche na caseta do Consorcio Editorial Galego!
O LIBRO
“Vida silvestre del embalse de Cecebre – Dibujando la naturaleza” viu a luz no pasado ano 2018, logo de varios meses de traballo por parte dos compañeiros de Hábitat. A obra centra a atención no espazo natural protexido de Cecebre, co Certame de Debuxo da Natureza que leva o seu nome como fío condutor. Ao longo das máis de 120 páxinas ilustradas, a publicación pretende ser un espello no que reflectir a realidade do encoro, ao tempo que unha posta en valor do patrimonio natural presente na súa contorna (da man da flora e fauna), sen esquecer as características como infraestrutura, as súas ameazas e retos de futuro.
Salpicado por numerosas obras de nenos e maiores de todas as idades achegadas nos primeiros cinco anos de vida do certame de debuxo da natureza Vida Silvestre do encoro de Cecebre, o libro conta, capítulo a capítulo, unha fermosa historia naturalista froito dunha simple idea: ilustrar a natureza para fomentar o seu coñecemento…Coñecer para Respectar, Respectar para Conservar. Así, a obra non pretendía ser unha publicación sobre as ilustracións participantes no certame de debuxo, senón un relato sobre o encoro mesmo e a súa natureza, servindo as diferentes convocatorias como perfecto guión de contidos. Lamentamos pois non dar cabida nela ás máis de 800 obras recibidas ata o momento da súa publicación, sendo a escolma de obras representadas un xeito visual de acompañar ao lector neste “paseo” literario pola natureza.
A publicación foi así mesmo redactada en castelán, dando continuidade ao establecido nos anteriores títulos publicados pola Colección de Estudios Emalcsa, baixo a cal se integra esta obra. Finalmente, compre indicar tamén que a participación do Grupo Naturalista Hábitat nesta fermosa andaina que supuxo a redacción do libro, deriva dun esforzo altruista por parte dos seus membros, non percibindo a entidade nin os redactores cantidade algunha pola súa participación nin pola venda de exemplares. Agardamos que a súa promoción permita seguir implicando á sociedade no contacto coa súa contorna natural.
Grazas de novo a todos e cada un dos participantes que ano a ano inundades de debuxos, ilusión e vida cada unha das convocatorias do noso certame de debuxo
Somérxete nesta agradable lectura e empápate de natureza!
O día da sinatura de libros, na caseta mesma do Consorcio Editorial Galego, poderás facerte cun exemplar da obra. Así e todo, indicamos a continuación a relación de librarías onde foi posta a disposición no momento do seu lanzamento (ano 2018), cun prezo de venta de 18 euros.
- LIBRARIA XIADA
- LIBRARIA COUCEIRO
- LIBRARIA LIBROURO
- LIBRARIA CARTABON
- LIBRARIA PEDREIRA
- VERSUS LIBRARIA
- LIBRARIA CORTIZAS
- LIBRARIA LIBRAIDA
- LER LIBRERIAS
- LIBRARIA CRONOPIOS LIBROS
- LIBRARIA GALIANO
- A LUS DO CANDIL
- LIBRERIA BIBLOS
- LIBRARIA SUEVIA
- LIBRARIA LUME
- CENTRAL LIBRERA
- CRONOPIOS SANTIAGO
- LIBRARIA BIBLOS BETANZOS
- LIBRARIA MOITO CONTO A CORU
- LIBRARIA SISARGAS
- LIBRARIA ESTRAVIZ
- LIBRARIA PAZ
- GALLAECIA LIBER
- LIBRARIA ANDEL
- LIBRARIA AZETA
- LIBRARIA TRAMA
- LIBRARIA ARENAS
- LIBRARIA FOLLAS NOVAS
Leave A Comment