A Sociedade Micolóxica Lucus celebrou o pasado mércores a entrega do Premio “Cogomelo Lucus 2025”, que moi agradecidamente nos foi outorgado ao Grupo Naturalista Hábitat nesta edición “en recoñecemento ao seu papel fundamental na conservación da natureza galega ao longo de máis de 45 anos. Unha labor plena e fraternalmente compartida coa Sociedade Micolóxica Lucus”.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, da Deputación de Lugo, participou no acto de entrega e felicitou á entidade, destacando que “o seu labor durante décadas é un exercicio de constancia, unha aposta firme pola educación ambiental, pola protección dos espazos e pola transmisión dunha ética de respecto que hoxe resulta máis necesaria que nunca”. Ao acto acudiu igualmente o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández, xunto a membros e compañeiro/as da Sociedade Micolóxica Lucus, e representantes da Xunta Directiva do G.N.Hábitat.
Imaxe do acto de entrega do premio “Cogomelo Lucus 2025” (Fonte: Deputación de Lugo).
Este galardón, que recoñece non só proxectos concretos senón un compromiso consistente e prolongado co medio ambiente, quere render homenaxe a unha labor silenciosa pero esencial para preservar os ecosistemas galegos e fomentar a conciencia ecolóxica. A entrega confirmou así o respecto e a admiración mutua entre entidades comprometidas coa defensa da natureza.
Dende Hábitat agardamos continuar traballando, inspirando e mobilizando á comunidade en Galicia a través da ciencia, a divulgación e a protección do noso patrimonio natural.
Moitas grazas!


Leave A Comment